O Campus Industrial de Ferrol organiza a súa V Xornada de Portas Abertas Presencial o mércores 25 de marzo

Ferrol, 13 de febreiro de 2026.- O Campus Industrial de Ferrol e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña (UDC) organizan, o mércores 25 de marzo, a súa V Xornada de Portas Abertas Presencial dirixida a alumnado de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional Superior. A quenda de mañá, de 09:30 a 13:45 horas, estará reservada para colexios e institutos mentres que a da tarde, de 16:00 a 20:00 horas, estará dirixida a un público máis familiar. O alumnado participante poderá elixir entre tres posibles itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría.

Ao igual que en edicións anteriores, o estudantado que opte polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten os grao en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixa o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades visitará, en primeiro lugar, a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se imparte o grao en Xestión Industrial da Moda, o grao en Relacións Internacionais e o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. Esta opción inclúe tamén a visita á Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado inscrito na xornada ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Do mesmo xeito, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría naval e Oceánica.

A maiores, esta escola oferta o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha opción que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso optando así polo grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

Todas aquelas persoas interesadas en participar na V Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol e en coñecer, de primeira man, a vida universitaria, deberán enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamar ao 881 01 3621 antes das 14:00 horas do luns 16 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Formulario de inscrición – V Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol

Portal de Estudos da Universidade da Coruña (UDC)