Ferrol, 3 de marzo de 2023.- A Aula 1 da Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro xoves 9 de marzo, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 17:00 horas, o workshop “A Posta en Valor do Traxe Tradicional Galego. Organización dunha Pasarela” impartido polos coleccionistas de indumentaria antiga e fundadores da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones Vázquez e José Luis Rodríguez Álvarez.
Ao longo da xornada, o alumnado participante coñecerá máis polo miúdo o traballo de recuperación e reprodución artesanal realizado pola asociación pontevedresa Sete Espadelas e adquirirá os coñecementos necesarios para a organización dunha pasarela afondando en aspectos vinculados coa xestión, a dirección, a posta en escena, a música ou os recursos audiovisuais máis empregados.
Todos aqueles integrantes da comunidade universitaria e público en xeral interesados en participar nesta actividade formativa deberán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3621 antes das 14:00 horas do mércores 8 de marzo. Terá prioridade o alumando matriculado no grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e no grao en Xestión Industrial da Moda. Ofértanse un total de 50 prazas que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición.