O Campus Industrial de Ferrol recolle o selo de excelencia Campus de Especialización Acreditado polo Sistema Universitario de Galicia

A Coruña, 26 de xullo de 2024.- O Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña vestiuse de gala esta mañá para celebrar a renovación da concesión do selo de excelencia como Campus de Especialización Acreditado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para os próximos catro anos, ata 2028. Un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo de fortalecer as estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.

Logo de pasar unha exhaustiva avaliación a cargo dun comité de expertos de fóra de Galicia, o Campus Industrial de Ferrol converteuse no primeiro campus galego en conseguir a renovación desta acreditación. Xa fora o primeiro en acreditarse como Campus de Especialización en Galicia, e tamén en España.

O acto foi presidido por Alfonso Rueda Valenzuela, presidente da Xunta de Galicia, e contou coa asistencia de Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña; José Manuel Rey Varela, alcalde do Concello de Ferrol; Román Rodríguez González, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e a vicerreitora do Campus de Ferrol e RS, Ana Ares, entre outras autoridades.

Á súa chegada, a comitiva desprazouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), onde foron recibidos polo seu director científico, Armando Yáñez, e alí visitaron a Canle de Ensaios Hidrodinámicos; visita tras a cal se realizou o acto de entrega.

Liñas estratéxicas

 Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en seis liñas estratéxicas: robótica industrial; materiais; optimización de procesos; enxeñaría naval e offshore; xestión industrial e desenvolvemento de produto.

Desde entón, o impulso á renovación académica en liña coa industria intelixente ten sido unha máxima. Así o reflicte esta avaliación do campus, na que a comisión salientou o traballo realizado coa posta en marcha de seis titulacións: o Grao Bilingüe en Xestión Industrial da Moda, o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica – o primeiro título dual do Sistema Universitario de Galicia -, o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación, así como os Másters en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos ou en Enxeñaría en Deseño Industrial.

De cara aos vindeiros anos, o reto centrarase en incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática, así como en liderar a investigación nivel nacional no campo da fabricación aditiva e da industria 4.0. Tamén se está a traballar en novos programas docentes relacionados cos vehículos autónomos e coa realidade aumentada, entre outras áreas de coñecemento tecnolóxico.

Hai que destacar o esforzo de internacionalización do campus en liña, cun dos piares nos que está a traballar o conxunto da UDC. Así, no período acreditado, asináronse máis de 300 convenios de colaboración con universidades estranxeiras, un piar que se suma a outro dos eixos de actuación deste campus, a investigación, eido no que traballan 12 grupos e case 180 persoas adscritas, cunha capacidade investigadora que se reflicte na participación en 4 proxectos internacionais, cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros, e 11 nacionais e autonómicos cun investimento de máis de 4,8 millóns de euros.

Esta labor investigadora é potenciada pola existencia do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, cun modelo de transferencia único. Unhas instalacións que se verán reforzadas coa posta en marcha do Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3) .

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, recolleu a renovación da acreditación de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a cal será por 4 anos, ata o vindeiro 2028
Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, recolleu a renovación da acreditación de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a cal será por 4 anos, ata o vindeiro 2028