O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 200 persoas expertas en Historia Moderna nun congreso que o sitúa no mapa internacional

Ferrol, 11 de xuño de 2025.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna, Cristina Borreguero; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos; e o catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña (UDC), Manuel-Reyes García, inauguraron, este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a XVII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM), un congreso no que participan, ata o vindeiro venres, máis de 200 persoas expertas procedentes de distintos países de Europa e de América.

Ao longo da súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, amosoulle o seu agradecemento ao profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel-Reyes García, organizador desta XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna, destacando as dimensións dun evento que sitúa ao Campus Industrial de Ferrol, e por ende, á cidade departamental, no mapa nacional e internacional. Do mesmo xeito, convidou a todas as persoas presentes “a crear lazos, compartir saberes, debater ideas e a construír colectivamente unha historia que sexa máis rica, máis honesta e mais humana”.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM), Cristina Borreguero, e a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, loaron tamén o traballo realizado polo catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña (UDC), Manuel-Reyes García, ao tempo que salientaron a “calidade” das conferencias e das máis de 180 comunicacións que se presentarán ao longo destes días.

O momento máis emotivo do acto de inauguración producise canto o profesor Manuel-Reyes García tomou a palabra para renderlle unha homenaxe á figura de Antonio Eiras Roel, falecido en 2016, e quen foi un dos historiadores máis influentes da historiografía contemporánea en España. Repasou a súa traxectoria intelectual, o seu maxisterio como catedrático e o seu “decisivo papel” na formación dunha xeración de investigadores e investigadoras que renovaron o estudo da Historia Moderna.

XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna

Tal e como recolle o programa destas xornadas, a conferencia inaugural tivo lugar este mércores, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da man profesora e investigadora da University Of Oxford, Tracey A. Sowerby, quen falou sobre a feminidade e a masculinidade nas relacións anglo-españolas nos séculos XVI e XVII. A maiores, o venres 13 de xuño, ás 13:00 horas, no transcurso do acto de peche do evento, ao que está previsto que asista o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, intervirá a profesora e investigadora da Sorbonne Université, Béatrice Pérez, cun relatorio titulado “Xenoveses por conversos? Modernidade de España e apertura americana ao fío dos descubrimentos”.

Xa na Facultade de Humanidades e Documentación e ao longo destes tres días, as máis de 200 persoas expertas inscritas nesta XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna e demais público xeral interesado poderán elixir entre dous itinerarios ben diferenciados, o primeiro deles, centrado na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, e o segundo, na das persoas estranxeiras e a España da Idade Moderna.

No suposto de optaren por afondar na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, as persoas participantes poderán escoitar á profesora e investigadora da Universidad de Valladolid (UVA), Margarita Torremocha, falando sobre mulleres e embarazos; á profesora e investigadora da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Gloria Ángeles Franco, analizando ao detalle a saga das condesas de Baños; á profesora e investigadora do Instituto Universitario Europeo de Florencia, Mónica Bolufer, debullando as normas morais e as estratexias editoriais da época e, por último, á profesora e investigadora da Universidade de La Rioja (UNIR), Ángela Atienza, expoñendo as situación da muller fronte ao claustro e a profesión relixiosa.

Pola súa banda, aquelas persoas que opten polo segundo itinerario poderán escoitar á profesora e investigadora da Universidad de Castilla – La Mancha (UCLM), Porfirio Sanz, falando do exercicio da diplomacia nos séculos XVI e XVII; ao profesor e investigador da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Óscar Recio, analizando a crise do Antigo Réxime; ao profesor e investigador da Universidad de Murcia (UM), José Javier Ruíz, repasando o papel da Monarquía Hipánica no mundo e, para rematar, ao profesor e investigador da Universidad de Huelva (UHU), David González, afondando nas diferencias relixiosas existentes entre España e América.

Máis información: https://fehm-reuniones.csic.es/

de esquerda a dereita, o catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña (UDC), Manuel-Reyes García; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos; e a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM), Cristina Borreguero, ao remate do acto de inauguración do congreso.
de esquerda a dereita, o catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña (UDC), Manuel-Reyes García; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos; e a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM), Cristina Borreguero, ao remate do acto de inauguración do congreso.