Ferrol, 19 de maio de 2025.- Reconstruír a máxica e imaxinaria Ponte das Estrelas botando man dunha serie de bolígrafos 3D con filamento PLA e montar un puzzle con forma de cubo impreso empregando tamén este método de fabricación aditiva. Este é o reto ao que se enfrontaron este luns os preto de 250 estudantes de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, do Colexio de Belén, do Colexio Cristo Rey e máis do Colexio Tirso de Molina na actividade “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía”, unha iniciativa de divulgación científica enmarcada no proxecto “Polos en Marcha” que lidera a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce, e que financia, integramente, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Ao longo da mañá, este amplo grupo de nenos e nenas uníronse ao Mestre do Bastón, un dos protectores do Camiño de Santiago, para intentar reconstruír a Ponte das Estrelas, situada nun punto indeterminado do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. A desaparición desta máxica e imaxinaria ponte impedía que os peregrinos e peregrinas cruzasen o río e continuasen coa súa viaxe ata Compostela. O Pavillón de Esteiro foi o escenario no que o alumnado de primaria botou man da súa creatividade e enxeño, xunto cos seus coñecementos sobre deseño e impresión 3D, para superar un reto tecnolóxico grazas ao que se converteron en gardiáns e gardiás do Camiño.
Deste xeito, divididos en pequenos grupos, o estudantado de 6º curso deseñou e construíu un total de 28 pontes. Para superar o reto, cada unha desas pontes debía soportar o peso dun boneco con forma de peregrino ou peregrina impreso tamén en 3D. Pola súa banda, o alumnado de 5º curso esforzouse ao máximo para montar un puzzle con forma de cubo elaborado tamén botando man deste método de fabricación aditiva. Con todo, podían conseguir pistas para saber como e onde colocar cada unha das pezas resolvendo pequenos enigmas relacionados co Camiño de Santiago.
Tal e como explica a coordinadora do proxecto “Polos en Marcha” e profesora da Universidade da Coruña (UDC), Elena Arce, a través desta proposta, o estudantado de primaria participante puido “comprender mellor as fases dun proxecto tecnolóxico e a importancia de seguir as instrucións detalladas para acadar un obxectivo común, reflexionando sobre os procesos de deseño, prototipado e de execución”. Engade tamén que esta actividade fomenta o desenvolvemento competencias brandas como poden ser o traballo en equipo, a creatividade, o pensamento crítico ou mesmo a mellora de competencias técnicas relacionadas co deseño, a lóxica espacial, a resolución de problemas ou o manexo básico de ferramentas dixitais de fabricación.
Un obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes e visitas aos laboratorios de docencia e investigación
O programa da actividade “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía”, enmarcada no proxecto “Polos en Marcha”, incluíu, a maiores, un obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes, baseados en esferas de alxinato de calcio, no que os nenos e nenas puideron realizar unha serie e experimentos sinxelos para comprender mellor como a química e a enxeñaría poden axudar a coidar do medio ambiente.
Do mesmo xeito, ao longo de toda a xornada, o estudantado participante tamén puido coñecer de primeira man algúns dos laboratorios de docencia e de investigación do Campus Industrial de Ferrol entre os que figuraba a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), o Laboratorio de Mecánica, emprazado no Edificio de Talleres, os Laboratorios de Optimización e Control xunto co de Automatización da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o Taller de Fabricación e Deseño da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), así como a Sala de Moldes, o Taller de Ortopodoloxía, a Sala de Quiropodia, a Sala de Biomecánica ou a Sala de Exploración da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, entre outros.


