O Campus Industrial de Ferrol reúne a preto de 600 estudantes de Bacharelato e FP na súa V Xornada de Portas Abertas

Ferrol, 25 de marzo de 2026.- Preto de 600 estudantes de Bacharelato e de FP Superior da comarca e da provincia participan, este mércores 25 de marzo, na V Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol. Na quenda de mañá, de 09:30 a 13:30 horas, achegouse ata o campus o alumnado do IES Sofía Casanova, do IES Canido e do CIFP Ferrolterra, os tres emprazados na cidade departamental; así como o do IES As Telleiras de Narón, o do IES de Mugardos, o do IES Francisco Aguiar de Betanzos e o do IES Rego de Trabe de Culleredo. Pola súa banda, a quenda de tarde estará dirixida a un público máis familiar e dará comezo ás 16:00 horas.

O alumnado e o público xeral inscrito nesta nova Xornada de Portas Abertas puido achegarse á oferta formativa da UDC no campus ferrolán a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría. De feito, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, recibiu ao estudantado  dos itinerarios de Ciencias da Saúde e de Enxeñaría no Salón de Actos e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, ao alumnado que optou polo itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación.

Na súas intervencións, tanto Ana Ares como Marcos Míguez salientaron o interese que espertan entre a rapazada e as súas familias os graos que se ofertan no Campus Industrial de Ferrol, recalcando o feito de que algúns deles son titulacións únicas no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Nesta mesma liña, ambos os dous fixeron tamén fincapé en que a oferta académica da Universidade da Coruña (UDC) na cidade departamental está “completamente aliñada” coas necesidades da industria, tanto a nivel comarcal coma autonómico. Como non todo pode nin debe ser estudar, para rematar, convidaron ao alumnado asistente a somerxerse de cheo na vida universitaria e a coñecer todas as opcións culturais, deportivas e de ocio que lles ofrece a cidade.

Tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría

Unha vez rematado o acto de benvida institucional, o alumnado inscrito foi dividido en función do itinerario preseleccionado. Deste xeito, os que optaron polo itinerario de Ciencias da Saúde trasladáronse ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, onde tiveron a oportunidade coñecer máis polo miúdo o plan de estudos destes dous graos, así como de visitar, entre outros lugares, as Salas de Demostración de Enfermaría, o Laboratorio de Biomecánica ou o de Quiropodia.

Pola súa banda, o estudantado que optou por realizar o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades, trasladouse ata a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se poden cursar os Graos en Xestión Industrial da Moda, en Relacións Internacionais e en Xestión Dixital de Información e Documentación. Ata este centro achegouse tamén profesorado e alumnado da Facultade de Ciencias do Traballo para presentar o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

No terceiro e último itinerario, o de Enxeñaría, a rapazada puido coñecer o plan de estudos e as posibles saídas laborais do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, titulación que se se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e achegarse ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Neste último centro, pódense cursar os Graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica.

A maiores, esta escola oferta o Grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o Grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha opción que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso, optando así polo Grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

O programa ofertado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) incluíu, entre outras, a visita ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e ao de Construcións, ao espazo de traballo do EPEF Racing Team, no que puideron ver un dos dous vehículos eléctricos cos que o estudantado do centro compite en diversas carreiras, e ao Canal de Ensaios Hidrodinámicos, situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

Mesas informativas para coñecer todo o que a Universidade da Coruña lle ofrece ao seu alumnado

Un ano máis, e xa van dous, a Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol contou cun espazo de seu para os servizos e unidades da Universidade da Coruña (UDC). Participaron a Área de Cultura, a Unidade de Emprego, a Área de Deportes, a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), a Oficina de Relacións Internacionais (ORI), a UDC Saudable, o Programa Afrontemos e o Green Campus Ferrol, ademais da Biblioteca Casa do Patín e da Biblioteca Ángela Ruíz Robles, esta última, situada no Edificio de Apoio ao Estudo. As mesas informativas estiveron colocadas, ao longo de toda a mañá, diante da Facultade de Humanidades e Documentación.

o alumnado que elixiu o itinerario de Ciencias da Saúde achegouse ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, onde puido visitar, entre outros, o Laboratorio de Quiropodia.
o alumnado que elixiu o itinerario de Ciencias da Saúde achegouse ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, onde puido visitar, entre outros, o Laboratorio de Quiropodia.

 

a Facultade de Humanidades e Documentación e a de Ciencias do Traballo presentaron os seus títulos no itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades
a Facultade de Humanidades e Documentación e a de Ciencias do Traballo presentaron os seus títulos no itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades

 

No itinerario de Enxeñaría, o estudantado puido coñecer de primeira man a oferta de grao da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), ademais de visitar varios laboratorios e as instalacións do EPEF Racing Team.
no itinerario de Enxeñaría, o estudantado puido coñecer de primeira man a oferta de grao da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), ademais de visitar varios laboratorios e as instalacións do EPEF Racing Team.