Ferrol, 16 de xullo de 2025.- A presidenta da Asociación Española de Dirección e Ingeniería de Proyectos (AEIPRO), Socorro García Cascales; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a concelleira de Educación e Universidade, Patricia Cons Formoso; e a presidenta do Comité Organizador do XXIX Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME), a profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Pilar de la Cruz López, inauguraron, este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un dos encontros internacionais máis relevantes neste campo e no que participan máis de 200 persoas expertas de 15 países de América e de Europa.
Na súa intervención, a presidenta da Asociación Española de Dirección e Ingeniería de Proyectos (AEIPRO), Socorro García Cascales, lembrou que, ao longo deste encontro, se presentarán un total de 205 comunicacións e que entre o público asistente hai persoas procedentes de distintos puntos de España pero tamén de México, Ecuador, Chile ou mesmo de Irán, Turquía e de Estados Unidos. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo, descatou o “firme compromiso” da Xunta de Galicia coa I+D+i e destacou a necesidade de continuar formando a profesionais multidisciplinares e con visión global.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, agradeceu a elección do Campus Industrial de Ferrol como sede dun evento de referencia a nivel internacional no eido da dirección e da enxeñaría de proxectos. Ao tempo que se gabou de ser parte dunha mesa inaugural integrada na súa totalidade por mulleres, “algo non demasiado habitual neste eido”, engadiu. Nisto último tamén incidiu a presidenta da Comité Organizador do congreso, a profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Pilar de la Cruz López, quen invitou a todas as persoas participantes a crear sinerxías e a “buscar novas vías de colaboración”. A maiores, na súa quenda de palabra, a concelleira de Educación e Universidade, Patricia Cons Formoso, indicou que a elección de Ferrol como sede deste congreso internacional “é motivo de orgullo e tamén unha magnífica oportunidade para amosarlle ao mundo todo o que esta cidade pode ofrecer”.
Catro conferencias maxistrais, un seminario internacional e un workshop para formar aos líderes do futuro
O programa do evento inclúe catro conferencias maxistrais, todas elas impartidas por referentes internacionais no eido da xestión de proxectos. O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu, este mércores, ás 13:00 horas, a conferencia inaugural do congreso da man do Project Succes Coach de TIME4PM, Peter Pürckhauer, titulada “Sustainability in Project Management: More success for all parties at stake!”. Pola súa banda, a conferencia de clausura, “Ships and Cyberthreats”, será impartida, neste mesmo espazo, mañá, xoves 17 de xullo, ás 16:00 horas, polo Head of Defense de S2Grupo, Enrique Cubeiro.
As outras dúas conferencias maxistrais terán lugar na Room 1 da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da man do Segment Manager de Molins, David Rodríguez Cabaleiro, quen falará sobre as innovacións en morteiros MCI e membranas antirradón, e do Project Manager en Talgo, Francisco Calduch Cervera, quen analizará o Programa Intercity e o Proxecto DBS.
Como cada edición, o Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME) acollerá o International Seminar on Project Management (ISoPM), “un bloque programático integramente en inglés que reforza a vocación global do evento”, tal e como salientan desde o Comité Organizador. Neste espazo, presentaranse traballos de alto nivel sobre enxeñaría, sustentabilidade, innovación, tecnoloxía e xestión de proxectos avanzada, cun claro enfoque multidisciplinar e internacional, baixo a dirección do vicepresidente da organización profesional sen ánimo de lucro AEIPRO-IPMA Spain e presidente de Spanish Certification Body (OCDP), Jesús Martínez-Almela.
A maiores, ao longo de case toda a mañá deste mércores, tivo lugar, tamén na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o workshop “Escola de Embaixadores e Embaixadoras”, organizado por AEIPRO Joven e dirixido polo autor e fundador de Dashdot Publications e Buro Four, Tom Taylor. Esta actividade está orientada ao fortalecemento de competencias clave como o liderado, a colaboración e a resiliencia entre os profesionais máis novos e novas.
Do mesmo xeito, o programa do congreso inclúe tres Panel Sessions nas que se falará sobre a Intelixencia Artificial (IA) e a dirección de proxectos, sobre a innovación e a sustentabilidade nos Sistemas Fotovoltaicos, así como sobre o BIM avanzado para a xestión sostible da contorna construída.
Entrega de premios nunha cea de gala no Parador de Ferrol
Finalmente, as persoas participantes no evento realizarán cadansúa visita ás instalacións de Navantia e a Exponav. Ademais, o Parador de Ferrol acollerá, mañá, xoves 17 de xullo, a cea de gala do XXIX Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME), así como os actos de entrega de galardóns aos Mellores Traballos Fin de Máster, o Premio do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingenieros Industriales (CGCOII) e o accésit, o Premio Jaume Blasco a la Innovación e o accésit e o Premio Joven Investigador e o accésit.
O XXIX Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME) está organizado pola Universidade da Coruña (UDC), a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pola Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia (FICG) e máis por AEIPRO-IPMA Spain.

