O Campus Industrial de Ferrol suma dous novos investigadores grazas a dúas convocatorias propias para captar e reter talento

Ferrol, 19 de xaneiro de 2026.- O investigador predoutoral Zeeshan Hamid Malik e o investigador postdoutoral Jorge Luis Olmedo Martínez veñen de incorporarse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) grazas ás convocatorias “Talento en Formación” e “Talento Investigador” que promove o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). Ambos os dous desenvolven os seus traballos de investigación nalgunha das liñas estratéxicas do campus como poden ser a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.

Zeeshan Hamid Malik (Jhelum, Pakistán – 1993) é graduado en Ciencias en Enxeñaría Mecánica pola University of Engineering and Technology Taxila (UET Taxila), de Pakistán, e cursou un máster en Enxeñaría Mecánica na Universitas Gadjah Mada (UGM), de Indonesia. Traballou como profesor axudante na Swedish College of Engineering and Technology WahCantt (SCET), de Pakistán, e foi tamén subdirector do departamento de Mecánica en Dandot Cement e vicexerente do departamento de Mecánica en Gharibwal Cement Limited, dúas compañías moi coñecidas no seu país de orixe. Máis recentemente, en 2025, traballou como técnico de Apoio á Investigación no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

Na actualidade, Zeeshan Hamid Malik está matriculado no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Ao longo dos próximos catro anos, e xunto cos investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica  Francisco González e Emilio Sanjurjo, botará man dos denominados modelos de simulación avanzada e das ferramentas de análise intelixente, co obxectivo de identificar problemas mecánicos antes de que estes se convertan en fallos graves. Tal e como explica o propio investigador predoutoral, “este enfoque apoia o uso estratexias de mantemento preditivo máis efectivas, axudando a reducir o tempo de inactividade e os custes de mantemento, ao tempo que mellora o rendemento, a seguridade e a sostibilidade a longo prazo dos sistemas industriais”.

Jorge Luis Olmedo Martínez (Chihuahua, México – 1989) é graduado en Enxeñaría Química polo Instituto Tecnológico de Chihuahua, cursou un máster en Ciencia de Materiais no Centro de Investigación en Materiales Avanzados (CIMAV), tamén en México, e, ademais, é doutor en Química Aplicada e Materiais Poliméricos pola Universidad del País Vasco (UPV/ EHU), en España. Realizou unha estadía predoutoral de 6 meses na Deakin University, en Australia, e outra estadía postdoutoral, de case 3 anos de duración, no Instituto de Investigación POLYMAT, situado na cidade vasca de Donostia/San Sebastián.

Ao longo dos próximos catro anos traballará, da man do investigador do Grupo de Polímeros Funcionais Jaime Martín, para establecer unha metodoloxía que permita calcular a entalpía de fusión en equilibrio termodinámico e o Cp de polímeros conxugados, necesarios para coñecer o grado de cristalinidade dos polímeros, así como obter o grao de miscibilidade entre estes polímeros e deferentes aceptores de electróns. Segundo o propio investigador postdoutoral, con esta información “é posible relacionar a eficiencia das celas coa cristalinidade dos polímeros empregados e entender como se pode ver afectado o polímero coa presenza de diferentes aceptores de electróns”.

Na actualidade, o Campus Industrial de Ferrol ten contratadas un total de 19 persoas investigadoras, 12 delas a través da convocatoria “Talento en Formación” (predoc), 6 grazas á convocatoria “Talento Investigador” (postdoc) e 1 persoa a través da convocatoria de axudas ao Programa de Doutoramento Industrial.

de esquerda a dereita, Zeeshan Hamid Malik e Jorge Luis Olmedo Martínez, diante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol.
de esquerda a dereita, Zeeshan Hamid Malik e Jorge Luis Olmedo Martínez, diante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol.