O Campus Industrial presenta un novidoso catálogo de cursos de formación continua para o persoal de empresas e institucións

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, presentaron esta mañá no salón de actos Concepción Arenal a empresarios e medios de comunicación, un novidoso programa de cursos de formación continua para traballadores de empresas e institucións.

O Campus Industrial de Ferrol desenvolveu un catálogo de cursos especializados para persoal de empresas e institucións impartidos por profesorado da UDC.

O obxectivo deste catálogo é facilitar a actualización das competencias profesionais do persoal ante os novos retos sociais e tecnolóxicos. Profesorado e persoal investigador do Campus Industrial impartirán esta formación a demanda das empresas e institucións e adaptándose ás súas necesidades, tanto en contidos, coma na duración, formato e datas de impartición. Así, estableceranse varios niveis segundo os coñecementos previos do alumnado: de seminarios básicos a cursos avanzados, en formato presencial, teleformación ou mixto.

O reitor explicou na súa intervención que este catálogo está destinado á recualificación do persoal traballador en activo. “É importante que as universidades colaboremos no proceso de reciclaxe dos traballadores e traballadoras porque os cambios tecnolóxicos e a dixitalización xeran novas formas de traballar”, declarou Abalde, resaltando que “é un fito que o Campus Industrial de Ferrol estea atento ás necesidades das empresas e poña a capacidade de formación do noso profesorado ao seu servizo”. O reitor avanzou ademais que a Universidade da Coruña está traballando nun programa de formación ao longo da vida, cun sistema de microcredenciais.

Segundo apuntou Ana Ares, a idea destes cursos xurdiu da observación das necesidades de empregabilidade das empresas. “Fíxose un estudo bastante profundo das necesidades das empresas e en función diso e coas capacidades dos nosos investigadores fíxose o encaixe para construír o catálogo”, explicou.

A directora do Campus Industrial apuntou ademais un agradecemento á colaboración con Siemens xa que iso permite ofrecer formación especializada en xemelgo dixital.

A oferta inclúe un total de 45 cursos, cunha oferta que vai desde “Introdución á aplicación de adhesivos á industria” ata “Tecnoloxía láser de potencia”, “A eficiencia enerxética baseada en Big Data aplicada na súa empresa” ou “Avaliación de riscos laborais”. Este catálogo de oferta formativa está orientado principalmente a traballadores de empresas dos sectores naval e oceánico, loxístico-portuario, enerxético, industrial, téxtil, automoción ou metal-mecánico. Non obstante, aquelas persoas interesadas a nivel particular poden presentar igualmente a súa solicitude e, no caso de acadar un número mínimo de asistentes interesados, abrirase unha convocatoria aberta ao público en xeral.

O Campus Industrial da Universidade da Coruña é o primeiro campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia e ten á industria intelixente e á fabricación avanzada como os seus eixos principais. Este pioneiro catálogo formativo intégrase no Plan de formación continua en industria intelixente do Campus Industrial e busca dar resposta á necesidade de actualización permanente dos traballadores, derivada da innovación tecnolóxica e as novas demandas da sociedade.

Máis información:

https://campusindustrial.udc.es/transferencia/