O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) participa nunha patente que detecta a orixe do radon en interiores

A Coruña, 10 de marzo de 2026.- O radon é un gas radioactivo natural que pode acumularse en espazos pechados e supón un risco importante para a saúde, especialmente pola súa relación co cancro de pulmón. Galicia, pola súa xeoloxía, é unha das rexións con maiores niveis potenciais de radon en España. Persoal investigador do CITENI logra a concesión da patente dun sistema e método de localización de fontes emisoras de radon en interiores. Desenvolvida en colaboración entre a UDC, a UVigo e o CUD-ENM, permite identificar con precisión as entradas deste gas ionizante en edificios.

Seguindo o rastro invisible: localizar para protexer

Ofrece un sistema que localiza de forma rápida e precisa os puntos de emisión. Combina sensores móbiles e estáticos cun vehículo autónomo que percorre as instalacións e mide a concentración do gas en distintos lugares. Un algoritmo de interpolación espacial sérvese da krigeaxe (kriging) para procesar as lecturas e guía o vehículo cara á fonte emisora. Tamén utiliza campás móbiles que illan os sensores do aire en movemento, para garantir que cada medición sexa precisa. Isto permite xerar mapas detallados e detectar rapidamente fisuras ou puntos de entrada do gas.

Saber exactamente por onde entra o radon permite aplicar medidas directas e eficaces como selar gretas e instalar barreiras ou sistemas de ventilación localizados. Así protéxese mellor a saúde e optimízanse o tempo e os recursos.

Unindo forzas contra o radon

A concesión desta patente xorde do proxecto RnMod (PICUD 2022-03), dedicado a desenvolver modelos preditivos do comportamento do radon en edificios e estratexias de mitigación. A iniciativa conta con financiamento do CUD-ENM, da UVigo e do Campus Industrial de Ferrol.

Na UDC, o desenvolvemento correu a cargo de persoal investigador do Grupo de Enxeñaría Mixto (GEM): María Isabel Lamas e Juan José Cartelle, membros do CITENI; e de José Antonio Orosa. Completan o equipo Miguel Ángel Gómez, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) da UVigo; e Arturo González, do Grupo de Enxeñería Térmica e Ambiental (InTeam) do CUD-ENM.

Este avance tecnolóxico proporciona unha ferramenta eficaz, autónoma e precisa para protexer a saúde en interiores, e pode empregarse tanto en vivendas como en edificios públicos e industriais.

O desenvolvemento foi froito da colaboración institucional entre o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Vigo (UVigo) e o Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar (CUD-ENM)
O desenvolvemento foi froito da colaboración institucional entre o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Vigo (UVigo) e o Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar (CUD-ENM)