Ferrol, 12 de xullo de 2024.- Os membros do proxecto europeo Waste2BioComp veñen de organizar no campus de Ferrol unha reunión, na que se avanzaron os primeiros resultados do proxecto Waste2BioComp, no que participa a UDC, a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), e que está coordinado polo Centro Tecnológico das Indústrias Têxtil e do Vestuário de Portugal (CITEVE).
Este proxecto ten como obxectivo investigar a transformación de residuos orgánicos en materias primas para a fabricación sostible de novos produtos. En total, 13 organizacións de seis países participan nesta iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa, cun orzamento total de case 6 M€, dos cales máis de 370.000 € corresponden á UDC. O proxecto apoia a transición cara a un novo paradigma de produción industrial, verde e dixital.
Tras dous anos de desenvolvemento, Waste2BioComp acadou avances significativos, coa produción de prototipos en todas as cadeas de valor. Entre os logros do proxecto cabe citarmos espumas para soletas de calzado deportivo, filmes e un bol ríxido para envase e embalaxe, ademais de fibras para a industria téxtil e tintas ecolóxicas.
Bacterias que fabrican bioplásticos
O Laboratorio de Polímeros do CITENI investiga os métodos de procesamento do polihidroxibutirato, un biopolímero da familia dos polihidroxialcanoatos (PHA) que podería substituír os plásticos tradicionais derivados do petróleo. Da bioxénese destes materiais, producidos por bacterias durante a fermentación de azucres ou lípidos, encárgase o socio do consorcio Hochschule Kaiserslautern University of Applied Sciences de Alemaña. Estes biopolímeros son biodegradables e respectuosos co medio ambiente, polo que ofrecen unha alternativa sostible aos plásticos convencionais.
A UDC lidera a preparación de bioprecursores, a fabricación, e a obtención de prototipos; así como o control dos procesos de biodegradación e compostaxe dos materiais desenvolvidos. O grupo de investigación xa ensaia a preparación de compoñentes de base biolóxica para crear películas orgánicas destinadas á fabricación de envases e traballa na caracterización dos materiais, así como tamén nos ensaios de biodegradación.
Transferencia á sociedade
A investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero, subliñou a importancia desta última fase do proxecto: “Na recta final, o noso labor é facer chegar o produto e os métodos para obtelo a aquelas empresas que sexan potenciais clientes, é dicir, que estean interesadas en incorporar este tipo de produtos nas súas cadeas de fabricación. O obxectivo final é, por suposto, chegar á sociedade”.
O evento intermedio de Waste2BioComp non só destacou polos avances presentados, senón tamén por fomentar un espazo de diálogo e colaboración entre empresas e institucións, crucial para o éxito e a implementación de solucións sostibles en diversos sectores industriais.