A Coruña, 23 de novembro de 2023.- O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) opera xa a pleno rendemento na súa nova localización, o Edificio Batallóns do Campus Industrial de Ferrol. A reformada instalación, antiga residencia de oficiais cedida pola Armada á Universidade da Coruña e inaugurada o pasado mes de xuño, alberga na súa primeira planta a sede dun centro concibido para liderar a transformación de Navantia Ferrol nun Estaleiro 5.0. Neste espazo traballan de xeito permanente arredor dunha decena de persoas das máis de 100 que en total están implicadas na actividade do CEMI, entre o persoal académico e do estaleiro ferrolán.
Impulsado pola UDC, Navantia e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o seu obxectivo pasa fundamentalmente polo desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitan incrementar a competitividade do estaleiro para o desenvolvemento do programa das Fragatas F-110 e a nova Fábrica de Bloques da factoría ferrolá.
A dixitalización do sector, a mellora dos procesos produtivos existentes e a implementación doutros novos, así como o desenvolvemento de xemelgos dixitais, para mellorar a produtividade e reducir tempos e custos ao longo da cadea de valor, son as súas principais liñas de actuación.
O CEMI, constituído o 12 de xullo de 2022, -momento en que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia concedeu as axudas para a súa posta en marcha- nace para dar continuidade ao traballo desenvolvido entre a Universidade da Coruña e Navantia desde 2015 no marco da Unidade Mixta de Investigación. Unha frutífera colaboración na que a institución académica contribuíu a dar soporte á innovación tecnolóxica necesaria para o profundo proceso de transformación impulsado pola compañía naval. Os bos resultados e a consecución da maioría dos obxectivos establecidos corroboran o éxito da fórmula.
A experiencia acumulada na UMI permitiu identificar novas necesidades de desenvolvementos tecnolóxicos e intensificar a colaboración entre ambas as dúas partes, a académica e a industrial, consolidada agora a través do Centro Mixto de Investigación. Unha alianza de gran relevancia, desde o punto de vista estratéxico, para a comarca de Ferrolterra e para o conxunto da economía galega.
Edificio Batallóns
O Edificio Batallóns, sede do CEMI, está situado na rúa Carlos III de Ferrol. Construído en 1930 foi cedido polo Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña, que o adaptou para os seus novos usos universitarios a través dunha actuación financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Preto de medio centenar de postos de traballo para despachos de profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e varias salas de usos múltiples completan a instalación na que se aloxa o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia.