Ferrol, 8 de novembro de 2023.- A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, xoves 9 de novembro, ás 15:30 horas, a conferencia “elPulpo. O caso de emprendemento dunha marca made in Galicia que aposta polo talento e a sustentabilidade empresarial” impartida polo CEO e fundador da empresa, José Antonio Chacón.
Tal e como indican desde elPulpo, o 90% das súas prendas son o resultado dun proceso de produción sostible e están elaboradas con materiais de orixe orgánico. Deste xeito, a empresa de moda galega aposta pola eliminación do uso de plásticos no seus elementos de packaging, elixe para as súas prendas algodón certificado e orgánico ao cento por cento, aposta pola fabricación en talleres de proximidade, bota man de fío e tecidos reciclados e incorpora elementos naturais nas súas tendas, tales como vexetación autóctona ou mobiliario elaborado con madeira de batea reciclada.
A actividade, impulsada desde o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración co coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda, Manuel Escourido, está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral. Máis información, enviando un correo electrónico a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3621.
