Ferrol, 10 de abril de 2026.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, o director do estaleiro de Ferrol, Eduardo Dobarro; o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco; o director da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Jon Solozábal; e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, entregaron hoxe o premio ao equipo gañador da quinta edición Hackathon Navantia Next Pioneers que se desenvolveu, entre as 14:30 horas do xoves 9 e as 14:30 horas do venres 10 de abril, nas instalacións de Navantia Ferrol, na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).
Un total de 7 equipos multidisciplinares, integrados por alumnado dos graos e dos mestrados da EUDI e da EPEF, enfrontáronse durante 24 horas a este desafío. En total, as 35 persoas participantes, 30 estudantes do Campus Industrial de Ferrol e 5 enxeñeiros e enxeñeiras do estaleiro, foron apoiadas durante todo o tempo por un grupo de mentores e, a maiores, recibiron dúas charlas motivadoras para axudalas a progresar nos seus proxectos. Estas sesións, unha presencial e outra en liña, foron impartidas polo consultor e formador Diego Marqueta e pola responsable de relacións coas universidades de Navantia, Teresa Galdo.
O reto proposto por Navantia, “Melloras de seguridade do operario en traballos sobre bloques invertidos”, implicaba facilitar a mobilidade dentro dos bloques na fase previa ao seu volteo e colocación en grada, salvando pasos de portas e aberturas que deben ser cubertas. O xurado seleccionou como gañador ao equipo “Los Hidrodinámicos”, integrado por Miguel Nistal, Martín González, Ana Sande, Yared Grimaldi e Valentina Ozón. O premio consiste nunha bolsa de formación en Navantia, dun ano de duración, para desenvolver o proxecto elixido.
O evento consolídase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento. Navantia e o Campus Industrial de Ferrol, en colaboración coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), ofrecen un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as SmartTech. Esa experimentación trasládase ás necesidades reais da fábrica. De feito, proxectos galardoados en edicións anteriores están na actualidade en fase de industrialización.
