O investigador Alberto Ramil suma a tecnoloxía láser do CITENI ao proxecto Lasering PH para a conservación do patrimonio pictórico antigo

Ferrol, 23 de xuño de 2023.- A ablación láser é unha técnica que xa se está a empregar na limpeza do patrimonio cultural. É un método ecolóxico, xa que non emprega elementos químicos: consiste en retirar capas de material non desexado mediante radiacións controladas. A clave para facer un bo uso desta técnica é saber que radiacións convén empregar en cada caso concreto, xa que existen múltiples variantes que poden influír no éxito do proceso, segundo o tipo de material sobre o que se actúa.

 

O PROXECTO LASERING PH

O proxecto Lasering PH ten como obxectivo avanzar no coñecemento da interacción entre a radiación láser e o patrimonio pictórico antigo. Pretende definir unha metodoloxía para concretar que tipo de láseres convén usar na limpeza e conservación das pinturas rupestres, témperas ou frescos, segundo o tipo de pigmento e a superficie que haxa que tratar.

É un proxecto multidisciplinar que combina o traballo de persoal investigador experto en diferentes áreas, desde a rama tecnolóxica (láser e fotónica), pasando pola xeoloxía (mineraloxía e petroloxía) ou climatoloxía, até a restauración e conservación patrimonial.

Durante os tres anos que dura o proxecto, probaranse oito sistemas diferentes de láser pulsado para estudar os seus efectos sobre os pigmentos (colorantes), os aglutinantes (materiais que permiten a adhesión dos colorantes) e as pinturas (mesturas de pigmento máis aglutinante). Analizarase o comportamento das irradiacións láser segundo os seus medios activos (os medios materiais do láser que permiten a transición atómica ou molecular que xera a luz) sobre as mostras das pinturas replicadas para o estudo. Tamén se contrastarán as lonxitudes de onda (estas varían segundo o medio activo que se empregue), os pulsos láser (tempos de aplicación sobre a superficie que se trata) e as intensidades (potencias empregadas) que se aplicarán a réplicas do material orixinal.

A PARTICIPACIÓN DO CITENI

O investigador do CITENI Alberto Ramil xa está actualmente a estudar os efectos da irradiación realizada sobre as mostras con dous láseres do LAIL: o láser nanosegundo (Nd:YVO4 Coherent AVIA 2W at 355 nm ) e o láser femtosegundo (Spectra Physics Spirit 1040-4W at 1040 nm). Analizará a influencia dos distintos medios activos e pulsos láser sobre réplicas de pinturas antigas. Para facer estas réplicas usáronse técnicas e materiais tradicionais con diferentes tipos de pigmentos e aglutinantes. Reproducíronse con fidelidade pinturas ao fresco a que se lles engadiron pigmentos azuis (azul exipcio e azul ultramar), verdes (terra verde e verde de cromo) e vermellos (vermello marte e vermello cinabrio). Tamén se replicaron témperas con xema de ovo e cola de coello como aglutinantes, aos cales se lles sumaron pigmentos de azurita (azul), malaquita (verde), ouropimenta (amarelo), cinabrio (vermello) e branco de chumbo. Para simular as pinturas rupestres empregáronse cuarcitas con caseína e caolín con manteiga, como aglutinante de pigmentos de hematita (vermello), terra vermella (vermello) e negro de fume (negro).

 

Por outra banda, o estudo inclúe a análise das mostras na cámara hiperespectral do laboratorio, co obxectivo de estudar as curvas de reflectancia das zonas das mostras irradiadas polo láser, con respecto ás non irradiadas. Cun microscopio interferométrico obteranse tamén os perfís interferométricos dos pigmentos, para determinar con exactitude a lonxitude de onda proxectada.

 

Nestas accións levadas a cabo nas instalacións do CITENI tamén participa, temporalmente, a doutoranda Laura Andrés Herguedas. A estudante predoutoral realiza a súa tese dentro deste proxecto nas instalacións do CINTECX da Universidade de Vigo, baixo a supervisión do investigador Santiago Pozo Antonio, coordinador de Lasering PH.

 

EQUIPO DE INVESTIGACIÓN E FINANCIACIÓN

Este é un proxecto de ámbito internacional, financiado polo Goberno de España e pola Xunta de Galicia, no que colaboran conxuntamente sete institucións coordinadas pola Universidade Vigo. En España participan a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e a Universidade de Granada. A nivel internacional interveñen na investigación o Centro Conservazione e Restauro dei Beni Culturali A Venaria Reale e a Universitá di Pisa, de Italia, e o Instituto Superior Técnico da Universidade de Lisboa, de Portugal.

 

*Web Lasering PH: https://laseringph.webs.uvigo.es/
*Web CITENI: https://citeni.udc.es/el-investigador-alberto-ramil-suma-la-tecnologia-laser-del-citeni-al-proyecto-lasering-ph-para-la-conservacion-del-patrimonio-pictorico-antiguo/

 

SOBRE O CITENI:

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) intégrase na Rede de Centros e Unidades de I+D+i da Universidade da Coruña. Nace co obxectivo de impulsar as tecnoloxías navais e industriais a través dunha perspectiva integrada e interdisciplinar.

 

Representa o piar da I+D+i do Campus Industrial, un dos tres campus de especialización da Universidade da Coruña. Está situado no Campus de Ferrol. O CITENI aposta polo desenvolvemento dunha industria eficiente, sustentable e capaz de adaptarse aos cambios. Ofrece solucións tecnolóxicas e transfire investigación de calidade aos sectores industriais tractores galegos, en particular, á industria naval e marítima. Ademais, pretende ser un referente en investigación para a contorna industrial do noroeste atlántico grazas ao establecemento de alianzas e sinerxías con outros centros de investigación, nacionais e internacionais.

O investigador do CITENI, Alberto Ramil e a doutoranda do CINTECX da UVigo, traballan no proxecto Lasering PH, no Laboratorio de Láser Pulsado do CITENI.
O investigador do CITENI, Alberto Ramil e a doutoranda do CINTECX da UVigo, traballan no proxecto Lasering PH, no Laboratorio de Láser Pulsado do CITENI.