O Pavillón de Batallóns e o Campus Industrial de Ferrol acollen mañá a I Feira de Empresas e Talento Festalent, na que participan máis de 40 entidades

Ferrol, 15 de novembro de 2023.- A vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña;  a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia María Cons Formoso; o coronel da Armada, Santiago Liaño Núñez; e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas; inauguran mañá, xoves 16 de novembro, ás 11:30 horas, no Pavillón de Batallóns, situado na Avenida Mac Mahón, a I Feira de Empresas e Talento Festalent na que participan máis de 40 firmas e institucións da comarca de Ferrolterra e de distintos puntos de Galicia.

Nunha zona anexa ao espazo ocupado polas mesas informativas no Pavillón de Batallóns, terán lugar as entrevistas rápidas entre o persoal dos departamentos de Recursos Humanos ou Captación de Talento e o alumnado universitario e o de ciclos medios e superiores de formación profesional inscrito nesta actividade da I Feira de Empresas e Talento Festalent. Segundo explica a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, o obxectivo desta iniciativa é o de “establecer encontros de non máis de 10 minutos de duración entre o tecido empresarial e as persoas interesadas o que lles permitirá presentar as súas candidaturas nun tempo récord e optimizar de xeito significativo os procesos de selección”.

De xeito paralelo, a Aula 16 da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerán preto de 30 conferencias nas que participan boa parte das firmas e institucións que sumaron a esta I Feira de Empresas e Talento Festalent. Nesta ocasión, tal e como afirma Ana Ares Pernas, “a finalidade non é outra que darlles voz para que poidan explicarlle ao público participante como é o seu día a día, que perfís demandan ou cales son as oportunidades reais para desenvolver unha carreira profesional nesa empresa ou institución”.

Colaboran nesta I Feira de Empresas e Talento Festalent do Campus Industrial da Universidade da Coruña o Concello de Ferrol, a Armada, Gabadi, o Grupo JRilo, Detegasa, o Grupo Intaf, El Pulpo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime).

Pavillón de Batallóns (Avenida de Mac Mahón) – Xoves 16 de novembro

Mesas Informativas: de 09:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 horas

Entrevistas rápidas: de 09:30 a 14:00 horas

Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol – Xoves 16 de novembro

Conferencias: de 09:30 a 19:30 horas

Máis información en www.campusindustrial.udc.es