Ferrol, 21 de novembro de 2023.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, mércores 22 de novembro, ás 13:00 horas, a conferencia “A cooperación internacional agora: complexidade e incerteza” impartida polo presidente da ONG Médicos del Mundo, Pepe Fernández.
Contextos como os de Palestina, Siria ou Burkina Faso permitiranlle a Fernández amosar como os conflitos bélicos, as circunstancias xeopolíticas, a crise climática, a inxustiza ou violencia estrutural dificultan e reducen de xeito significativo os esforzos humanitarios. Ao longo da súa intervención, o conferenciante exporá como a ONG que preside, Médicos del Mundo, enfoca e presenta a cooperación e a acción humanitaria no eido das emerxencias e das crises complexas.
Médicos del Mundo é unha asociación independente que persegue o cumprimento do dereito fundamental á saúde e dunha vida digna para calquera persoa. Na actualidade, está a levar a cabo máis de 120 proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de acción humanitaria en 17 países ou territorios de América, África, Oriente Medio e Europa.
A actividade, impulsada desde o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración coa Facultade de Humanidades e Documentación e máis co coordinador do grao en Relacións Internacionais, Félix Puime, está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral interesado. Máis información, enviando un correo electrónico a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3621.