Ferrol, 22 de xaneiro de 2024.- O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Marcos Míguez González, vén de ser nomeado director do Campus Industrial da Universidade da Coruña en substitución da profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Isabel Ares Pernas, quen ocupa, desde o pasado 16 de xaneiro, o cargo de vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.
Marcos Míguez González (A Coruña, 1981) é doutor en Enxeñaría Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña. Entre os anos 2017 e 2020 coordinou o grao en Enxeñaría Naval e Oceánica e desde 2020 dirixe o máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo, unha titulación internacional financiada pola Comisión Europea e que nace baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia).
Ademais de impartir docencia na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Míguez González é investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña onde está especializado no eido dos sistemas de análise de estabilidade, nos fenómenos da estabilidade dinámica e na análise do comportamento do buque. Cómpre sinalar a súa contribución para a posta en marcha da Canle de Ensaios Hidrodinámicos situada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
O primeiro campus acreditado do sistema universitario español e galego
O Campus Industrial de Ferrol acadou o pasado mes de decembro a renovación do selo de excelencia como campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para os próximos catro anos, ata 2028, un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que naceu co obxectivo de fortalecer as estruturas dos campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.
Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en cinco liñas estratéxicas como son a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore e a xestión industrial e o desenvolvemento do produto. De cara aos próximos anos, deberá incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática así como liderar a investigación a nivel nacional no campo da enxeñaría aditiva e da fabricación 4.0.
O seu recoñecemento como o primeiro campus con especialización acreditada de todo o sistema universitario español e tamén o primeiro centrado no eido da industrial naval chegou en 2021 logo dun proceso de avaliación por parte dunha comisión de persoal experto independente, alleo ao Sistema Universitario de Galicia, intre no que conseguiu esta acreditación por un período de tres anos.
Nesta primeira avaliación, a comisión salientou no seu informe o traballo realizado a prol da renovación da oferta académica, en liña coa industria intelixente, coa posta en marcha de seis titulacións: o grao bilingüe en Xestión Industrial da Moda, o grao dual en Enxeñaría Eléctrica – o primeiro título dual do Sistema Universitario de Galicia -, o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación así como os másters en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos ou en Enxeñaría en Deseño Industrial.