Ferrol, 8 de abril de 2026.- A Sala Carlos III do Museo da Construción Naval (Exponav) acolle, o xoves 16 de abril, ás 19:00 horas, a conferencia “Conservar os nosos monumentos. A restauración do Pórtico da Gloria”, impartida pola emérita do Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE), dependente do Ministerio de Cultura, e directora, entre os anos 2010 e 2018, do Proxecto de Conservación e Restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, Ana Laborde, no marco do ciclo de conferencias do curso 2025/26 da Cátedra Jorge Juan, unha iniciativa impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Armada baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín.
Ana Laborde (San Sebastián, 1958) é licenciada en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía, pola Universidad Autónoma de Madrid (UAM), e titulada na especialidade de Arqueoloxía pola Escuela Superior de Conservación y Restauración de Bienes Culturales de Madrid (ESCRBC). Desde 1986 ata 2024, data na que se xubilou, traballou no Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE), dependente do Ministerio de Cultura, como conservadora-restauradora de materiais arqueolóxicos primeiro e, desde 1998, como integrante do Departamento de Materiais Pétreos e Mosaico. Desde o ano 2019, forma parte do Consejo de Dirección no Centro Internacional de Estudios para la Conservación y Restauración de Bienes Culturales (ICCROM).
Entre os anos 2010 e 2018 dirixiu o Proxecto de Conservación e Restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, Premio de Patrimonio Europeo 2019, na Categoría de Conservación. Este recoñecemento, outorgado pola Comisión Europea e Europa Nostra, é o máis prestixioso no eido do patrimonio a nivel europeo. Precisamente sobre este proxecto falará Ana Laborde na súa conferencia, explicando como se abordaron os traballos, cales foron sobre os principais retos aos que se enfrontaron e compartindo co público asistente algunhas das claves que se descifraron ao longo do mesmo.
