O Servizo de Emprego da UDC organiza un seminario para o fomento da cultura emprendedora este xoves 23 de novembro no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 20 de novembro de 2023.-  A aula 1.5 da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 23 de novembro, ás 11:00 horas, un seminario para o fomento da cultura emprendedora organizado polo Servizo de Emprego da Universidade da Coruña, no marco do Programa de Mellora da Empregabilidade dos Centros. Ao longo da formación, o alumnado participante afondará na figura do emprendedor/a e traballará na concepción e no desenvolvemento dunha idea de negocio botando man do modelo Canvas.

As persoas interesadas en participar neste seminario gratuíto para o fomento da cultura emprendedora terán que formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a emprego.vepem@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3616 antes das 14:00 horas do mércores 22 de novembro. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

O Programa de Mellora da Empregabilidade dos Centros da Universidade da Coruña inclúe tres seminarios ou módulos formativos. O primeiro deles está centrado no emprendemento, o segundo na orientación laboral e o terceiro na inserción laboral. O alumnado universitario que curse os tres seminarios ou módulos poderá solicitar 1 crédito ECTS. A iniciativa está co-financiada polo Ministerio de Traballo e Economía Social, a Xunta de Galicia e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG).

Inscrición – Seminario para o fomento da cultura emprendedora