O socio executivo de IBM, Eduardo Silvestre García, imparte este xoves unha conferencia en Exponav convidado pola UDC e a Armada

Ferrol, 10 de setembro de 2024.- O socio executivo de IBM, Eduardo Silvestre García, imparte, este xoves 12 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Carlos III da Fundación Exponav, a conferencia “Navegación Autónoma: Proxecto Mayflower”, convidado pola Cátedra Jorge Juan que promove a Universidade da Coruña en colaboración coa Armada e que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández.

Ao longo da súa intervención, Eduardo Silvestre García afondará nos aspectos máis relevantes do Mayflower Autonomous Ship 400, un barco autónomo de 15 metros de longo, 6,2 metros de ancho e 5 toneladas de peso que en 2022, e no marco dun proxecto de colaboración entre IBM e a ONG ProMare, cruzou o océano Atlántico botando man da intelixencia artificial. O obxectivo deste barco non tripulado era o de seguir a mesma ruta que o Mayflower, un barco de peregrinos que viaxou desde Reino Unido a Nova Inglaterra en 1620. A relevancia do deseño do barco autónomo ou como aplicar a intelixencia artificial nos campos da navegación autónoma ou da experimentación científica serán algúns dos asuntos a debater no transcurso da conferencia do socio executivo de IBM.

Ao remate da mesma, terá lugar o acto de relevo na dirección da Cátedra Jorge Juan, no que o capitán de navío e comandante director da Escola de Especialidades Antonio de Escaño, Tomás Cordón Scharfhausen, substituirá no cargo á profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández. Cómpre lembrar que a dirección da Cátedra muda cada curso académico alternándose entre a Universidade da Coruña e a Armada.

A Cátedra Jorge Juan no curso académico 2023/24

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Sonia Zaragoza Fernández, asumiu a dirección da Cátedra Jorge Juan en outubro de 2023 substituíndo ao capitán de navío e, ao por aquel entón, comandante-director da Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña, José Luis Guevara Romero.

Baixo a súa dirección, achegáronse ata a Fundación Exponav a investigadora da Universidade da Coruña, María José Servia, quen realizou unha revisión histórica da invasión dalgunhas especies non nativas de Europa como poden ser o cangrexo americano ou a avespa asiática, así como as investigadoras do Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Marta Moreno García e Ana Crespo Solana, quen analizaron os resultados obtidos das campañas arqueolóxicas realizadas no Pecio Ribadeo I, tamén coñecido como San Giacomo di Galiza (1597).

Tamén visitaron a cidade departamental, o catedrático de Xornalismo da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M), Carlos Elías, quen avogou pola ciencia e o xornalismo como ferramentas para loitar contra as fake news, e o presidente do Racing de Ferrol, Manuel Ansede, realizando un percorrido polos fitos máis importantes da entidade ao longo dos seus máis de cen anos de vida. Pola súa banda, o doutor en Matemáticas e Computación pola Universidad de La Rioja e presentador do programa de divulgación científica de La2 de RTVE “Órbita Laika”, Eduardo Sáenz de Cabezón, exerceu como padriño do acto de conmemoración do 30 aniversario da Cátedra Jorge Juan que tivo lugar no mes de abril no Campus Industrial de Ferrol e ao que asistiron boa parte dos seus antigos directores e directoras así como outras autoridades académicas, civís e militares.

 

o socio executivo de IBM, Eduardo Silvestre García, imparte, este xoves 12 de setembro, ás 19:00 horas, unha conferencia na Sala Carlos III da Fundación Exponav convidado pola Universidade da Coruña e a Armada no marco da Cátedra Jorge Juan.
o socio executivo de IBM, Eduardo Silvestre García, imparte, este xoves 12 de setembro, ás 19:00 horas, unha conferencia na Sala Carlos III da Fundación Exponav convidado pola Universidade da Coruña e a Armada no marco da Cátedra Jorge Juan.