Os equipos STEAM GIRLS Las Acacias e Las Acacias BOT de Vigo representarán a Galicia na Gran Final Nacional da FIRST LEGO League

Ferrol, 6 de marzo de 2023.- Máis de 300 mozos e mozas de entre catro e 16 anos participaron este sábado na novena edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol. Como novidade, este ano, as presentacións dos Proxectos de Innovación realizáronse na Facultade de Humanidades e Documentación e máis na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol mentres que o Xogo do Robot se disputou no Pavillón de Esteiro. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ferrol acolleu a entrega de premios, xa en horario de tarde, á que asistiron participantes, autoridades e familias.

Logo dunha intensa mañá de presentacións, probas e moitos nervios, o equipo STEAM GIRLS Las Acacias do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo acadou o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador. En segundo lugar quedou o equipo Las Acacias BOT, tamén do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, co Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Deste xeito, ambos os dous equipos conseguen clasificarse para participar na GRAN FINAL NACIONAL da FIRST LEGO League que terá lugar os días 25 e 26 de marzo na Universidad Politénica de Cartagena en Murcia.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, foron os encargados de entregarlles os trofeos e diplomas aos dous equipos gañadores. Con todo, no acto de entrega de premios participaron tamén o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez, o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Jorge Dahl de Sobrino, o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés José Piñón, a responsable de I+D de Gabadi, Laura Fernández, e a representante de PuntoGal, Cristina Ríos. Asistiron ao evento, a alcaldesa de Narón, Marían Ferreiro, e o concelleiro delegado da Área de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas do Concello de Ferrol, Antonio Golpe, entre outras autoridades.

A Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, e en colaboración con ingeniera.soy, organizou a novena edición da FLL Galicia, un campionato no que participaron un total de 44 equipos (22 na categoría FLL Challenge, 21 na FLL Explore e 1 na FLL Discover), máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia e preto de 100 voluntarios e voluntarias. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, puido seguirse en directo a través da canle de You Tube da FLL Galicia.

Como cada ano, colaboraron nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego – dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade –, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.

  • Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador – STEAM GIRLS Las Acacias do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo
  • Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador – Las Acacias BOT do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST – Catabótica do IES Catabois de Ferrol
  • Segundo Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST – MEGA RIBEIRA SUPER LEGO de Mega Riveira de Ribeira
  • Nominación National Innovation Award – OS ROBOTS DO PAZO do IES de Fene
  • Premio Xunta de Galicia ao Proxecto – OS ROBOTS DO PAZO do IES de Fene
  • Premio ao Deseño do Robot – ROBOT CITY POBRA de Mega Riveira de Ribeira
  • Premio ao Comportamento do Robot – MEGA BUILDER TEAM de Mega Riveira de Ribeira
  • Premio Gabadi á Execelencia en Enxeñaría – CTRL+T do IES As Telleiras de Narón
  • Premio PuntoGal ás Novas Promesas – R4PZ4POS de Gazapo Xestión SL de Narón
  • Premio ao adestrador – Manuel Couceiro Martínez (CTRL+T do IES As Telleiras de Narón)
Foto 1: O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, entregoulle o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador ás integrantes do equipo STEAM GIRLS Las Acacias do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo.
Foto 1: O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, entregoulle o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador ás integrantes do equipo STEAM GIRLS Las Acacias do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo.