Ferrol, 18 de novembro de 2025.- Clara Souto Ferreiro e Irene Rodríguez Ríos veñen de gañar cadanseu galardón na segunda edición dos Premios Universitarios a Traballos Fin de Grao (TFG), Traballos Fin de Máster (TFM) e Teses de Doutoramento en materia de emprendemento defendidos na Universidade da Coruña (UDC) no curso académico 2024/25. Esta iniciativa, intégrase no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e as tres universidades públicas galegas para a promoción e o apoio ao emprendemento entre a comunidade universitaria.
Clara Souto Ferreiro (A Coruña, 2003) acadou o primeiro premio, dotado con un cheque por valor de 800 euros, na área de coñecemento “Artes e Humanidades” e na categoría de “Traballo Fin de Grao (TFG)”, co proxecto “Desenvolvemento da estratexia de branding para unha marca de creación propia: o caso de Beboppy”, dirixido polos profesores Verónica Crespo Pereira e Joaquín Enríquez Díaz. Neste traballo, a xa graduada en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, desenvolve a estratexia de branding de Beboppy, unha marca propia enfocada no benestar feminino, incluíndo a súa identidade de marca e o plan de comunicación para o seu lanzamento.
“A metodoloxía combina investigación teórica sobre o branding e o comportamento das persoas consumidoras de moda cun desenvolvemento práctico que analiza o contexto da marca, a súa contorna competitiva e as especificacións do produto”, explica Clara Souto Ferreiro. Con todo, Beboppy, unha marca propia centrada no benestar das mulleres e no desenvolvendo de
prendas que lles axuden a aliviar as dores durante a fase menstrual, naceu no marco do Programa de Emprendemento Santander X Explorer UDC no ano 2023 e conseguiu o galardón ao Mellor Proxecto Empresarial na categoria “Universidade” nos Premios Emprende Xove Minimarket 2024 que organiza a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (AJE Ferrolterra).
Irene Rodríguez Ríos (Pontevedra, 2002) acadou o primeiro premio, dotado con un cheque por valor de 800 euros, na área de coñecemento “Enxeñaría e Arquitectura” e na categoría “Traballo Fin de Máster (TFM)”, co proxecto “Redeseño da orfebrería tradicional galega para xoiería de alta gama: patrimonio e innovación no deseño de produto”, dirixido polos profesores Pablo José Fernández Galdo e Rodrigo Martínez Rodríguez. Tal e como explica a antiga alumna do máster en Enxeñaría de Deseño Industrial, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus Industrial de Ferrol, “o traballo nace da idea de reivindicar a ourivería tradicional galega como fonte de inspiración para o deseño actual, explorando a súa reinterpretación dentro do eido da xoiería de alta gama”.
O proxecto presenta un modelo de emprendemento cultural innovador que transcende a visión do deseño como exercicio estético para convertelo nunha estratexia integral de negocio, situándoo como canle de transmisión cultural e motor de desenvolvemento económico do século XXI. A día de hoxe, Irene Rodríguez Ríos cursa o máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
