A Coruña, 21 de xaneiro de 2025.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeulle un accésit nos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC ao investigador Javier Pernas, do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). O recoñecemento distingue, na categoría de Ciencias Técnicas, unha liña de investigación orientada a mellorar a planificación e organización da construción naval. A entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
Planificación intelixente para grandes proxectos navais
“Construír un buque é como montar un xigantesco crebacabezas de Lego con pezas de aceiro de centos de toneladas”, explica Pernas. “Cada bloque debe fabricarse, almacenarse e ensamblarse nunha orde precisa; se unha soa peza non está lista a tempo ou non hai espazo para gardala, toda a produción se frea e cada día de atraso supón miles de euros en perdas”.
Ata agora, este proceso xestionábase en gran medida de forma artesanal, segundo a experiencia e intuición do equipo encargado da planificación. O traballo premiado aborda o reto da planificación mediante técnicas avanzadas de optimización por restricións. Integra, por vez primeira e de xeito simultáneo, a fabricación dos bloques, a capacidade real dos almacéns intermedios e a estratexia de montaxe en bancada. Ten a súa orixe nun estudo de investigación que deu lugar ao desenvolvemento completo da metodoloxía e a posteriores publicacións científicas en revistas internacionais de referencia da editorial Taylor & Francis, entre elas o International Journal of Production Research e Ships and Offshore Structures. A investigación, que forma parte da tese de doutoramento de Javier Pernas Álvarez, foi codirixida por Diego Crespo, investigador do CITENI, e José Antonio Becerra, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
A metodoloxía desenvolvida permite xerar plans de produción factibles e de alta calidade en tempos razoables para proxectos de grande envergadura. Os resultados demostran que unha boa planificación pode reducir significativamente os recursos necesarios e evitar saturacións críticas nos espazos de traballo, algo imposible cos métodos tradicionais. Esta investigación abre o camiño para implantar sistemas de planificación intelixente noutras industrias cun uso intensivo da ensamblaxe, como a aeroespacial ou a construción modular.
O accésit outorgado pola RAGC pon en valor a transferencia de coñecemento da universidade á industria naval e o papel do CITENI e do CITIC no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas a contornos industriais complexos.
Sobre o investigador Javier Pernas
Javier Pernas Álvarez é doutor en Enxeñaría Naval e Industrial e profesor axudante doutor na UDC. Forma parte do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e coordina a participación da UDC na liña de xemelgo dixital de planta e proceso dentro da colaboración CEMI 22-25 Navantia-UDC, enfocada á integración de tecnoloxías dixitais para optimizar a fabricación e a construción naval.
Previamente traballou na Università degli Studi di Genova, onde participou en proxectos de simulación aplicados á industria e á defensa. As súas principais áreas de investigación inclúen a modelaxe e a simulación, a simulación de eventos discretos, os xogos serios, a optimización de procesos industriais, os sistemas loxísticos e de fabricación, os xemelos dixitais e as aplicacións en enerxía eólica mariña.
Ademais, colaborou con entidades como Navantia e a OTAN na aplicación técnicas de investigación de operacións, automatización e tecnoloxías dixitais emerxentes para mellorar sistemas industriais complexos.
Sobre o CITENI
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) intégrase na Rede de Centros e Unidades de I+D+i da UDC. Nace co obxectivo de impulsar as tecnoloxías navais e industriais a través dunha perspectiva integrada e interdisciplinar. Representa o piar da I+D+i do Campus Industrial de Ferrol, un dos tres campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (SUG).
O CITENI aposta polo desenvolvemento dunha industria eficiente, sostible e capaz de adaptarse aos cambios, ofrece solucións tecnolóxicas e transfire investigación de calidade aos sectores industriais tractores galegos, en particular á industria naval e marítima. Ademais, pretende ser un referente en investigación para o contorno industrial do noroeste atlántico, grazas ao establecemento de alianzas e sinerxías con outros centros de investigación, nacionais e internacionais.
Sobre os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC
Os Premios de Investigación Fundación Barrié‑RAGC, creados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) xunto coa Fundación Barrié, teñen como obxectivo recoñecer as mellores investigacións desenvolvidas en Galicia nas áreas de Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Cada unha das tres categorías outorga un premio principal de 5.000 euros, destinado a apoiar as liñas de investigación máis destacadas, e tamén poden concederse un ou varios accésit, que recoñecen traballos de gran valor científico ou innovador.
