Os retos das migracións, a debate no Campus Industrial de Ferrol da man do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez

Ferrol, 2 de xullo de 2025.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros; a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz Sixto; e as codirectoras do Curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC), Asunción López Arranz, inauguraron, este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a 26ª edición dun curso de pensamento e comunicación que, ao longo dos próximos tres días, afondará nos retos das migracións.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, agradeceu a elección, “un ano máis”, do Campus Industrial de Ferrol como sede dun curso que atrae como público, edición a edición, a un bo número de profesores e profesoras de ensino non universitario da comarca e que, nesta ocasión, espertou tamén o interese do alumando do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación.

A maiores, Ana Ares Pernas, falou da Clínica Xurídica “Xustiza Social”, un Proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) no que o estudantado pon os seus coñecementos ao servizo das persoas usuarias do cárcere de Teixeiro (A Coruña), do Consorcio As Mariñas ou da entidade Cáritas. Nesta liña, a vicerreitora resaltou tamén o papel da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), un servizo que, entre outras moitas funcións, lle facilita o acceso á Universidade da Coruña (UDC) a aquel alumnado que reside en países en conflito ou se atopa nunha situación de refuxio.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, gabou a figura de Carlos Gurméndez, definíndoo como un “conversador infatigable”, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros, felicitou á equipa do Club de Prensa por facer deste curso do pensamento e comunicación todo un referente na comarca e por achegar ata a cidade departamental, ano a ano, a un bo número de persoas expertas de recoñecido prestixio nacional e internacional.

Tamén tomaron a palabra a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, e as codirectoras do Curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC), Asunción López Arranz, quen animaron ao público asistente a participar activamente nunha xornada na que se analizarán os retos e as oportunidades das migracións.

Conferencias e palestras abertas tanto á comunidade universitaria como ao público xeral interesado

Ao remate do acto de inauguración, o secretario xeral de Emigración, dependente da Consellaría de Emprego, Comercio e Migración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, impartiu a conferencia “Emigración e inmigración: dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro”. A continuación interveu tamén o almirante retirado da Armada Juan Rodríguez Garat quen falou sobre xeopolítica, seguridade e migracións no século XXI.

Xa pola tarde, a partires das 16:30 horas, terá lugar a conferencia do catedrático de Xeografía e Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato Raúl Soutelo Vázquez e na que se afondará nas causas, nos protagonistas, nos destinos e nas consecuencias persoais, familiares e colectivas das migración na historia contemporánea de Galicia. Ao seu remate, dará comezo a palestra titulada “Acompañamento Integral ás familias desde Cáritas” na que participarán a educadora social Patricia Filgueira e o animador sociocultural José María Bocanegra.

Na xornada de mañá, xoves 3 de xullo, intervirán a investigadora do Instituto de Estudios sobre Desarrollo y Cooperación Internacional (Hegoa) da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), Ivana Belén Ruíz-Estramil; o catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña (UDC) e integrante do Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), Antonio Izquierdo Escribano; e a investigadora do Centre Delàs d’Estudis per la Pau de Barcelona, Ainhoa Ruíz Benedicto. A maiores, ás 18:00 horas, Maquinarias Teatro representará a obra “Atrapadas”, dirixida por Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín xunto Helga Méndez.

Por último, o venres 4 de xullo, a partires das 10:00 horas, terá lugar unha segunda palestra titulada “Migracións: Perspectiva sociopolítica e económica” na que participarán o exministro de Traballo e Inmigración na novena lexislatura baixo a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, o economista Valeriano Gómez Sánchez; e o catedrático de Economía Aplicada na Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Santos Miguel Ruesga Benito.

de esquerda a dereita, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidente do Club de Prensa, Julia Díaz; a delegada territorial de Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e as codirectora do Curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro e Asunción L. Arranz, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
de esquerda a dereita, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidente do Club de Prensa, Julia Díaz; a delegada territorial de Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e as codirectora do Curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro e Asunción L. Arranz, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.