Ferrol, 6 de febreiro de 2026.- A Sala de Xuntas da Vicerreitoría do Campus de Ferrol acolleu este venres unha reunión de traballo entre a Xunta de Galicia e os tres campus de especialización acreditados do Sistema Universitario de Galicia (SUG) – o Campus Industrial de Ferrol, o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense – para avanzar na cooperación mutua e no intercambio de estratexias co fin de aproveitar ao máximo as súas potencialidades.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, presidiu unha reunión á que asistiron, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, por parte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López, e pola Universidade de Vigo (UVigo), o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez, e o director do Campus Auga, Roberto Fernández.
O obxectivo desta reunión non foi outro que o de pór en común os proxectos que se están a desenvolver en cada un destes tres campus de especialización e definir unha folla de ruta de cara ao futuro. Trátase pois, de avanzar na proposta de accións conxuntas que permitan sumar capacidades e xerar novas sinerxías no eido da investigación. A través desta cooperación, a Xunta de Galicia buscar reforzar o papel dos campus non centrais, potenciar as súas fortalezas e consolidalos como referentes en campos estratéxicos, contribuíndo ao fortalecemento do sistema universitario galego.
Ao seu remate, achegáronse ata o Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) onde foron recibidos polo seus directores, Armando Yáñez e Francisco González. Aproveitaron a ocasión para visitar, entre outros, os Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais, o Laboratorio de Polímeros, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos ou o Canal de Ensaios Hidrodinámicos.
O Campus Industrial de Ferrol, o primeiro campus non central en acreditarse na comunidade
O Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña (UDC), renovou, en decembro de 2023 e por un período de catro anos, ata 2028, o seu Selo de Excelencia como o primeiro campus especializado do Sistema Universitario de Galicia (SUG), un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo fortalecer as estruturas dos campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.
Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en seis liñas estratéxicas: a robótica industrial; os materiais; a optimización de procesos; a enxeñaría naval e offshore; a xestión industrial e o desenvolvemento de produto. De cara aos vindeiros anos, o reto céntrase en incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática, así como en liderar a investigación nivel nacional no campo da fabricación aditiva e da industria 4.0.
