Participantes do Programa Santander X Explorer UDC visitan o Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 28 de febreiro de 2025.- Unha boa parte dos 47 mozos e mozas que están a participar no Programa de Emprendemento Santander X Explorer UDC 2025 visitaron, este xoves 27 de febreiro, o Campus Industrial de Ferrol, onde foron recibidos polos seu director, o profesor e investigador Marcos Míguez.

O programa da xornada permitiulles achegárense ata o Edificio de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), onde puideron coñecer, de primeira man, a spin-off Motion and Force Engineering Solutions (MFES), impulsada polos investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, en colaboración co enxeñeiro Alejandro Vázquez.

Do mesmo xeito, tamén puideron visitar varias das instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) entre as que figuraban o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, o Laboratorio de Plásticos, o Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos.

Entre o estudantado da Universidade da Coruña (UDC) inscrito nesta última edición deste programa de emprendemento figura un bo número de alumnos e alumnas do Campus Industrial de Ferrol vinculados, principalmente, ao grao en Xestión Industrial da Moda, ao grao en Xestión Dixital de Información e Documentación, ao grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, así como ao máster en Informática Industrial e Robótica e o máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.

Durante as próximas semanas, e para levar a acabo o seu proxecto, o alumando participante contará co apoio de varias persoas mentoras vinculadas á propia Universidade da Coruña (UDC), a Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (SECOT), á Asociación Empresarios de Coruña e á Asociación de Emprendedores de Galicia.

Participantes do Programa Santander X Explorer UDC visitan o Campus Industrial de Ferrol
Participantes do Programa Santander X Explorer UDC visitan o Campus Industrial de Ferrol