Persoal do Centro de Investigación e Experimentación Marítima da OTAN achégase este mércores 10 de xaneiro ata o Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 8 de xaneiro de 2024.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este mércores, 10 de xaneiro, ás 12:00 horas, a intervención da integrante do Grupo de Modelado e Simulación do Centro de Investigación e Experimentación Marítima da OTAN, Pilar Caamaño Sobrino. Ao longo da súa presentación, esta investigadora ferrolá e doutora en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña achegará ao público asistente a unhas instalacións de experimentación e investigación científica situadas na cidade italiana de La Spezia e nas que se traballa no desenvolvemento de tecnoloxía marítima punteira nos eidos de defensa e máis de seguridade.

O Centro de Investigación e Experimentación Marítima, antes coñecido como Centro de Investigación Submarina da OTAN, dispón de dous barcos para levar a cabo as súas tarefas de investigación. O primeiro deles, o buque Alliance, foi construído en 1988, ten dobre casco e un sistema de propulsión que o converte nun dos barcos de investigación máis silenciosos do mundo. O segundo, o buque Leonardo, foi construído en 2002 e emprégase para realizar experimentos en augas menos profundas. Ademais de apoiar todas as misións científicas do Centro de Investigación e Experimentación Marítima, estes dous buques están utilizados por organizacións comerciais e/ou gubernamentais dentro das nacións que integran a OTAN.

Do mesmo xeito, cómpre sinalar que o Centro de Investigación e Experimentación Marítima dispón de instalacións e equipos especializados para a investigación marítima que inclúen unha flota de sistemas autónomos submariños, outro tipo de vehículos e instrumentos non tripulados, instalacións de ensamblaxe de arranxos lineais así como un Laboratorio de Calibración de Oceanografía.

Esta actividade divulgativa, impulsada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña, está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A entrada é libre ata completar o aforo.