Preto de 200 estudantes de secundaria participan este venres na IV Olimpíada Robótica da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Ferrol, 1 de abril de 2025.- Preto de 200 estudantes de ESO de distintos puntos das provincias da Coruña e de Lugo participan, este venres 4 de abril, de 09:30 a 14:30 horas, na IV Olimpíada Robótica que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC). O torneo terá lugar no Pavillón de Esteiro e o acto de entrega de premios, previsto para as 14:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán.

Nesta IV Olimpíada Robótica participa alumnado de secundaria do IES Santurnino Montojo, do IES Concepción Arenal e do Colexio Tirso de Molina de Ferrol; do Colexio Plurilingüe Compañía de María da Coruña; do CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Camen La Grande Obra de Atocha de Betanzos; do IES As Telleiras e do CPR Ayala de Narón; do IES de Mugardos; do IES Cabo Ortegal de Fisterra e do IES Perdouro de Burela.

Ao longo da mañá, o estudantado participante, dividido en 51 equipos – 31 na Categoría Promesas (1º e 2º da ESO) e 20 na Categoría Elite (3º e 4º da ESO) – terá que superar tres retos: un segue liñas con obstáculos, a proba do “barrendeiro” e unha competición de sumo. Entregaranse un total de 12 premios, dous por cada un dos retos propostos, así como outros dous galardóns especiais a aqueles equipos que obteñan a maior puntuación global nas tres probas, correspondendo un á Categoría Promesas e outro á Elite.

Na proba do segue liñas, o robot debe seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se impoñan no seu camiño. No “barrendeiro”, o alumnado terá que empregar algoritmos similares aos que usan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede e barrer todos os obxectos do taboleiro. Como novidade, nesta edición permítese botar man unha peza deseñada e impresa en 3D sempre e cando esta non exceda 3 centímetros de lonxitude desde o lateral do robot. Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun cara a cara no que deberán expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo.

o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Esteban Jove, coordina esta IV Olimpíada Robótica, un torneo que reunirá, este venres 4 de abril, de 09:30 a 14:00 horas, a preto de 200 estudantes de secundaria de distintos puntos da provincia da Coruña e de Lugo no Campus Industrial de Ferrol.
o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Esteban Jove, coordina esta IV Olimpíada Robótica, un torneo que reunirá, este venres 4 de abril, de 09:30 a 14:00 horas, a preto de 200 estudantes de secundaria de distintos puntos da provincia da Coruña e de Lugo no Campus Industrial de Ferrol.