Profesorado da UDC presenta unha animación para concienciar ao alumnado de primaria e de secundaria sobre o acoso escolar

Ferrol, 16 de setembro de 2024.- O Campus Industrial de Ferrol acolle, ao longo de toda esta semana, unhas xornadas de aprendizaxe, ensinanza e de formación vinculadas ao Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía , María Jesús Movilla Fernández. No marco desta reunión de traballo, presentarase a primeira das 8 animacións desenvolvidas polo Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE), pertencente á UDC, co obxectivo de concienciar ao estudantado de primaria e de secundaria sobre o acoso escolar.

O alumnado do 4º curso do Colexio Tirso de Molina de Ferrol foi o encargado de testar esta primeira animación elaborada e guionizada por estudantado e profesorado de varios centros de ensino primario e de secundaria, así como dun centro de actividades artísticas de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña. O obxectivo final destas 8 pezas é o de traballar nas aulas as competencias do alumnado á hora de manexarse ante situacións concretas de acoso escolar.

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía acollerá boa parte das actividades previstas nestas xornadas de aprendizaxe, ensinanza e de formación, as primeiras que teñen lugar en España, e que pretenden capacitar ao profesorado de ensino primario e de secundaria asistente en competencias relacionadas coa intelixencia emocional e coas habilidades de comunicación. A maiores, o programa formativo inclúe dúas sesións prácticas sobre o uso das ferramentas participativas Photovoice e Bodymap.

Pola súa banda, a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) reunirá no Campus Industrial de Ferrol a profesorado da Universidade da Coruña e a persoal do SERGAS, vinculalo ás Áreas Sanitarias de Ferrol e de Vigo, para  falar sobre a saúde mental infanto-xuvenil. Unha visita ao Programa Espazo Compartido, situado no Campus da Coruña, completa a proposta de actividades prevista para esta semana.

Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM)

Aumentar a concienciación do estudantado de primaria e de secundaria ante o acoso escolar fomentando pautas de comportamento positivas ante este tipo de accións intencionais e sostidas no tempo botando man da produción de ferramentas educativas antibullying. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) no que participa, en representación da Universidade da Coruña, profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña.

Tamén colaboran nesta iniciativa de innovación docente a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía e dirixida polo profesor Valentín Escudero Carranza, así como o Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña, baixo o liderado do seu director, José Antonio García Naya.

 O Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) está cofinanciado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 25.729 euros para aumentar as competencias do profesorado de primeira e de secundaria no campo da intelixencia emocional e da comunicación ante situacións de acoso escolar e máis para elaborar ferramentas didácticas en formato audiovisual que poidan seren usadas con facilidade nas aulas.

Persoal docente da Universidade da Coruña xunto con profesorado de ensino primario e de secundaria de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña que participa no Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM), diante da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol.
Persoal docente da Universidade da Coruña xunto con profesorado de ensino primario e de secundaria de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña que participa no Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM), diante da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol.