Profesorado da Universidade da Coruña participa nun proxecto europeo para concienciar ao alumnado de primaria e de secundaria sobre o acoso escolar

Ferrol, 28 de maio de 2024. Aumentar a concienciación do estudantado de primaria e de secundaria ante o acoso escolar fomentando pautas de comportamento positivas ante este tipo de accións intencionais e sostidas no tempo botando man da produción de ferramentas educativas antibullying. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, María Jesús Movilla Fernández.

Ao longo deste proxecto de innovación docente, o persoal da Universidade da Coruña tamén participará na construción de estratexias de intelixencia emocional, de técnicas de comunicación e de ferramentas didácticas que permitan aumentar as competencias do profesorado de primaria e secundaria de toda Europa no eido da prevención, da detección e da intervención ante o acoso escolar. A Universidade da Coruña representa a España e é a única institución de ensinanza superior que participa no proxecto. Na listaxe de colaboradores figuran outros centros de ensino primario e de secundaria, así como un centro de actividades artísticas e teatrais de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña.

Nos próximos meses, o profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol implicado continuará aportando a súa experiencia profesional no eido da psicoloxía clínica, así como nos campos da intelixencia emocional e da comunicación, xunto con docentes das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña. O coñecemento que todos eles teñen no uso de ferramentas participativas, como o Photovoice ou no Bodymap, permitiranlles traballar co profesorado de primaria e de secundaria dos países implicados no aumento das súas competencias ante unha situación acoso escolar.

Cómpre sinalar que, nesta iniciativa de innovación docente, participa tamén a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e dirixida polo profesor Valentín Escudero Carranza. Boa parte das súas achegas virán da man do Programa Afrontemos, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias nada no ano 2021 como resposta da Universidade da Coruña á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Do mesmo xeito, tamén se suma a este proxecto europeo o Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña. Baixo o liderado do seu director, José Antonio García Naya, todo o equipo que integra esta unidade encargarase da elaboración dunha serie de ferramentas didácticas audiovisuais que, posteriormente, serán empregadas polo profesorado e alumando de primaria e secundaria implicado para o seu correspondente testeo.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) está cofinanciado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros.  A Universidade da Coruña dispón de 25.729 euros para aumentar as competencias do profesorado de primeira e de secundaria no campo da intelixencia emocional e da comunicación ante situacións de acoso escolar e máis para elaborar ferramentas didácticas en formato audiovisual que poidan seren usadas con facilidade nas aulas.

Profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña traballa nun proxecto europeo de innovación docente para concienciar ao alumnado de primaria e secundaria sobre o acoso escolar xunto con persoal da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) e do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña.
Profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña traballa nun proxecto europeo de innovación docente para concienciar ao alumnado de primaria e secundaria sobre o acoso escolar xunto con persoal da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) e do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña.