A Coruña, 29 de abril de 2026.- Un equipo de investigación vinculado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña (UDC) publicou un novo estudo que propón un modelo innovador para avaliar a sustentabilidade global dos vehículos automóbiles con distintos sistemas de propulsión.
O traballo, titulado “New probabilistic multi-criteria model for assessing the integral sustainability of private cars with different propulsion systems” (en galego, “Novo modelo probabilístico multicriterio para avaliar a sostibilidade integral de automóbiles privados con diferentes sistemas de propulsión”), está asinado por Juan José Cartelle (CITENI), Jesús Cardenal (Campus Industrial de Ferrol), M.ª Pilar de la Cruz (Campus Industrial de Ferrol) e Alfredo del Caño (CITEEC) e foi publicado no Journal of Cleaner Production, revista científica editada por Elsevier e unha das publicacións de maior impacto internacional (Q1, IF: 10.0) no ámbito da sustentabilidade.
Un reto clave na mobilidade actual
O estudo enmárcase no debate actual sobre que tecnoloxías de propulsión son realmente máis sostibles, nun contexto no que a comparación entre opcións como o vehículo eléctrico, o híbrido ou o convencional segue xerando controversia. Fronte a esta dificultade, o equipo propón unha ferramenta que permite analizar de forma conxunta os tres grandes piares da sostibilidade de cada tipo de vehículo: o económico, o social e o medioambiental.
O modelo apóiase na metodoloxía multicriterio de toma de decisións do modelo integrado de valor para avaliacións sostibles (MIVES), xa que permite avaliar e integrar distintos indicadores –como custos, impactos medioambientais ou aspectos relacionados coa seguridade, o confort ou o propio uso do automóbil– nun único índice global de sostibilidade. Ademais, incorpora simulacións de tipo Montecarlo, unha técnica que permite considerar a incerteza e a variabilidade nos datos do modelo, xerando distintos escenarios reais, como diferentes padróns de condución, custos de enerxía ou condicións de utilización do vehículo.
Desta forma, a análise non ofrece un único resultado pechado, senón un abano de posibles desempeños para cada tecnoloxía, o que permite obter unha visión máis completa, flexible e realista da súa sostibilidade en distintos contextos.
Aplicación a dous casos de estudo
O modelo foi aplicado a dous casos de estudo. No primeiro, o equipo investigador analizou catro vehículos comerciais, o que permitiu comprobar a utilidade do modelo á hora de comparar vehículos concretos tanto no seu conxunto como nos seus distintos aspectos de sostibilidade. No segundo, a análise amplíase ao conxunto das tecnoloxías –vehículos híbridos non enchufables (HEV), híbridos enchufables (PHEV), eléctricos (EV) e convencionais– mediante simulacións probabilísticas. Este enfoque permite observar tendencias xerais e avaliar o comportamento de cada tecnoloxía en distintos escenarios.
Ningunha tecnoloxía destaca de xeito absoluto
Unha das principais conclusións do estudo é que non existe unha tecnoloxía claramente dominante en termos de sostibilidade global.
Os vehículos eléctricos tenden a destacar na dimensión económica, favorecidos polos menores custos fixos, de mantemento, reparación e consumo de enerxía, mentres que os híbridos enchufables presentan os peores resultados neste ámbito. En cambio, na dimensión social, que fai referencia á seguridade, a experiencia de uso do vehículo (autonomía, facilidade de recarga ou flexibilidade nos desprazamentos) ou mesmo aspectos socio-psicolóxicos como a imaxe de marca, os PHEV ocupan a primeira posición e os eléctricos quedan no último lugar, penalizados fundamentalmente por factores como a autonomía ou a dispoñibilidade de puntos de recarga.
No plano ambiental, que mide o impacto do vehículo sobre o medio, os resultados dependen en gran medida do enfoque e o alcance utilizados, polo que é posible considerar catro submodelos distintos. Segundo cal se aplique, a clasificación pode variar, o que pon de relevo a importancia de considerar todas as etapas do ciclo de vida do vehículo –desde a súa fabricación ata o seu uso e final de vida– e de incorporar un maior número de indicadores para obter unha avaliación máis completa e equilibrada.
Máis alá do automóbil
O estudo subliña a necesidade de avanzar cara a metodoloxías máis completas e homoxéneas que permitan avaliar de forma rigorosa a sustentabilidade do automóbil. Neste sentido, o modelo desenvolvido polo equipo do CITENI e o CITEEC exponse como unha ferramenta útil tanto para a investigación como para a toma de decisións en políticas públicas.
Ademais, o seu carácter flexible permite incorporar novas tecnoloxías, como o hidróxeno ou os combustibles sintéticos, así como novos indicadores a medida que se dispoña de máis información.
Referencia: https://doi.org/10.1016/j.jclepro.2026.147902
