Sonia Zaragoza, nova directora da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias que promove a UDC xunto coa Mancomunidade de Ferrol

Ferrol, 23 de xuño de 2025.- A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza, substitúe ao profesor da Facultade de Ciencias do Traballo, Moisés Alberto García, na dirección da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos municipios de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e de Valdoviño.

Sonia Zaragoza é profesora na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. As súas liñas de investigación están centradas na eficiencia enerxética no sector naval e industrial. Ten publicados un bo número de artigos en revistas especializadas e participado en proxectos de investigación competitivos e con empresas a nivel autonómico, nacional e internacional.

Nos últimos anos, esta doutora en Enxeñaría Industrial ten colaborado coa Cátedra en Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo, a través do proxecto europeo  Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX), centrado na creación dunha rede de persoas expertas en emerxencias hidrometeorolóxicas e multi-risco en Europa.

A Universidade da Coruña (UDC) coordinou este proxecto, baixo o liderado da profesora e investigadora Sonia Zaragoza, e traballou man a man xunto con persoas expertas da NALAS – Réseau des Associations Nationales de Pouvoirs Locaux de l’Europe du Sud-Est de Francia, da Rede de Competencia de Desastres de Austria, da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia, así como da Fundación CIMA e da Asociación da Cruz Vermella de Italia.

Adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, naceu en novembro de 2019 co obxecto de unificar coñecementos e criterios para dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección á hora de elaborar, por exemplo, ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións. A Cátedra está adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.

a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza, vén de ser nomeada directora da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.
a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza, vén de ser nomeada directora da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.