UDC, Xunta e Concello establecen o calendario para a construción do novo centro de investigación do Campus Industrial de Ferrol

A Coruña, 13 de marzo de 2026.- O reitor da Universidade de Coruña (UDC), Ricardo Cao; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; acordaron hoxe o calendario para a construción do novo centro de investigación do Campus Industrial de Ferrol, o EI3. Nunha reunión celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, as tres partes coincidiron na necesidade de darlle o impulso definitivo a esta infraestrutura a través da sinatura dun convenio de colaboración, prevista para finais do vindeiro mes de abril.

O investimento no EI3 ascenderá a case 14 M€, dos que boa parte xa se asignaron á UDC a través de dúas anualidades do Plan de infraestruturas universitarias Consellería de Educación (5,6 M€). O resto procederá de fondos europeos que a Xunta decide consignar a esta nova infraestrutura.

O acordo entre Xunta, UDC e Concello establecerá os compromisos de cada parte, así como o calendario de achegas económicas que realizará integramente a Xunta de Galicia, en función da evolución dos traballos. O obxectivo é poder comezar as obras, que teñen un prazo de execución de 2 anos e medio, a finais deste 2026.

Neste momento, a UDC ten xa redactado o proxecto básico do edificio e moi avanzado o de execución. Unha vez se asine o convenio, a Universidade comprométese a desenvolver canto antes a tramitación administrativa da contratación da dirección de obra e dos propios traballos de construción. Pola súa banda, o Concello de Ferrol asume o compromiso de axilizar ao máximo a concesión da respectiva licenza.

Na reunión participaron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; así como os vicerreitores do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández e de Infraestruturas e Sustentabilidade, Sonia Vázquez; por parte da UDC, así como a concelleira de Urbanismo, Accesibilidade, Vivenda e Rehabilitación do Concello de Ferrol, Blanca García.

O EI3 prevé un investimento de case 14 millóns de euros, financiados pola Xunta a través de fondos propios e europeos e a previsión é comezar as obras antes de rematar 2026
O EI3 prevé un investimento de case 14 millóns de euros, financiados pola Xunta a través de fondos propios e europeos e a previsión é comezar as obras antes de rematar 2026