Un antigo alumno da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol gaña o Premio á Innovación Navantia que outorga a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos

Ferrol, 12 de decembro de 2023.- O antigo alumno do Máster Erasmus Mundus Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Muhammad Fuad Shofly, vén de gañar o premio á Innovación Navantia para Traballos Fin de Máster centrados nos eidos da enxeñaría naval e industrial que foran presentados e defendidos ao longo do curso académico 2022/23 na Universidade da Coruña e que outorga a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos.

Ao longo do seu traballo, titulado “Predición da temperatura de locais en caso de incendio mediante modelos analíticos, numéricos e redes neuronais artificiais” e dirixido polo profesor da Escola Politécnica de Ferrol e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González, o antigo alumno do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0, Muhammad Fuad Shofly, bota man dun xemelgo dixital instalado a bordo dun buque para analizar todo o que ocorrería no suposto de que se declarase un incendio nalgún dos compartimentos da embarcación.

Tal e como explica este enxeñeiro naval nado en Indonesia e formado na Universidade de Diponegoro, “un incendio a bordo pode xurdir de moitas fontes potenciais, que inclúen, entre outras, erros humanos, un mal funcionamento do equipo, danos ou posta a terra, ou mesmo producirse por factores externos”. Do mesmo xeito, engade que as cuadrillas realizan un manexo do lume mediante un enfoque físico coas súas correspondentes limitacións no que atinxe á perigosidade e á lentitude no proceso de extinción. Así, a longo do seu Traballo Fin de Máster, Muhammad Fuad Shofly, estuda diferentes alternativas para a realización desta tarefa explorando o método das dúas zonas, o método multi-zona e o modelo CFD no que se empregan redes neuronais artificiais.

Entrega do galardón e conferencia inaugural no Campus Industrial de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, mércores 13 de decembro, ás 18:00 horas, o acto de entrega do Premio á Innovación Navantia que outorga a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos e que dirixen os profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Ana Álvarez García e Fernando Lago Rodríguez. No transcurso do evento, Muhammad Fuad Shofly, quen na actualidade traballa como técnico de apoio á investigación no Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC – Navantia, situado no Edificio de Batallóns, recibirá un cheque por valor de 1.500 euros e o seu correspondente diploma acreditativo.

Ao acto de entrega do Premio á Innovación Navantia está previsto que asistan, entre outras autoridades, o reitor en funcións da Universidade da Coruña, Julio Albalde Alonso, o director de Navantia Ferrrol, Eduardo Dobarro Rubido, a vicerreitora en funcións do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e o vicerreitor en funcións de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández. Unha vez realizada a entrega do galardón, terá lugar a conferencia inaugural do curso académico 2023/24 a cargo do delegado en Galicia de Windar Renovables, Francisco Aréchaga Rodríguez, quen reflexionará sobre o mar como solución ao cambio climático.

O antigo alumno do Máster Erasmus Mundus Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Muhammad Fuad Shofly, vén de gañar o premio á Innovación Navantia para Traballos Fin de Máster que outorga a Cátedra Cosme Álvaréz de los Ríos. Na actualidade, este mozo natural de Indonesia, traballa como técnico de apoio á investigación no Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC – Navantia, situado no Edificio de Batallóns.
O antigo alumno do Máster Erasmus Mundus Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Muhammad Fuad Shofly, vén de gañar o premio á Innovación Navantia para Traballos Fin de Máster que outorga a Cátedra Cosme Álvaréz de los Ríos. Na actualidade, este mozo natural de Indonesia, traballa como técnico de apoio á investigación no Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC – Navantia, situado no Edificio de Batallóns.