O artigo científico “Semi-paracrystallinity in semi-conducting polymers” do investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais do Campus Industrial da Universidade da Coruña, CITENI, Jaime Martín e o seu equipo foi seleccionado como mellor artigo do ano na categoría Outstanding Article winner do Materials Horizons Outstanding Paper Award 22.
Materials Horizons, a prestixiosa revista da Royal Society of Chemistry, acaba de celebrar o Materials Horizons Outstanding Paper Award 22 que destaca as investigacións científicas máis relevantes publicadas durante o ano 2022.
Nesta ocasión, recoñeceu o traballo dos autores do artigo “Semi-paracrystallinity in semi-conducting polymers”, liderado por Jaime Martín, do Grupo de Polímeros do CITENI. O texto científico resultou gañador na categoría Outstanding Article winner.
O equipo de investigación conformado por Sara Mariña, Edgar Gutiérrez-Fernández, Junkal Gutiérrez, Marco Gobbi, Nicolás Ramos, Eduardo Solano, Jeromy Rech, Wei You, Luís Óso, Agnieszka Tercjak, Harald Ade e Jaime Martín desenvolveu este traballo colaborativamente desde diferentes institucións e centros de investigación: North Carolina State University (USA), POLYMAT (San Sebastián), a EHU/UPV (San Sebastián), o CiC-Nanogune (San Sebastián) o Sincrotrón ALBA (Barcelona) e o CITENI da Universidade da Coruña.
O artigo propón un novo modelo estrutural para os materiais poliméricos. Denomínano “semiparacristalinidade”. O descubrimento deste novo patrón define con maior exactitude a organización molecular, caracterización e comportamento dos polímeros semicondutores. Trátase de ciencia básica que, nun futuro, pode ser o fundamento de múltiples aplicacións no ámbito da electrónica.
Sobre o CITENI
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) intégrase na Rede de Centros e Unidades de I+D+i da Universidade da Coruña. Nace co obxectivo de impulsar as tecnoloxías navais e industriais a través dunha perspectiva integrada e interdisciplinar.
Representa o piar da I+D+i do Campus Industrial, un dos tres campus de especialización da Universidade da Coruña. Está situado no Campus de Ferrol. O CITENI aposta polo desenvolvemento dunha industria eficiente, sustentable e capaz de adaptarse aos cambios. Ofrece solucións tecnolóxicas e transfire investigación de calidade aos sectores industriais tractores galegos, en particular, á industria naval e marítima. Ademais, pretende ser un referente en investigación para a contorna industrial do noroeste atlántico grazas ao establecemento de alianzas e sinerxías con outros centros de investigación, nacionais e internacionais.