Un doutoramento industrial do CITENI mellora o deseño de plataformas flotantes para enerxías renovables mariñas

A Coruña, 26 de xaneiro de 2025.- O deseño e análise de estruturas flotantes capaces de resistiren as forzas da ondada e manterse estables en alta mar constitúe un dos principais retos das enerxías renovables en mar aberto ou offshore. Neste contexto, Tanausú Almeida, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) no Campus Industrial de Ferrol e integrante do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), realiza unha tese de doutoramento titulada “Simulacións numéricas de plataformas e compoñentes de fondeo para sistemas de xeración de enerxía mariña”.

A investigación preséntase como un doutoramento industrial, realizado en colaboración coa empresa CoreMarine, o que lle confire un marcado carácter aplicado e unha orientación directa á resolución de problemas reais da industria offshore. Forma parte tamén do Programa Oficial de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial da UDC e conta con mención internacional.

Simular o mar para investigar mellor

O traballo parte dunha pregunta central: como se comportan estas estruturas ante as ondas, o vento e os amarres? Para respondela, a tese combina simulacións de fluídos de alta fidelidade (CFD) con modelos de MoorDyn v2, un software que calcula o movemento das liñas de fondeo que manteñen a plataforma na súa posición. Ademais, inclúe clump weights, pesos auxiliares que axudan a estabilizar os amarres e mellorar a precisión da simulación.

A metodoloxía tamén incorpora técnicas avanzadas para capturar con precisión a superficie do mar, mallas dinámicas capaces de se adaptaren a grandes movementos e o algoritmo FloatStepper, deseñado para que as simulacións sexan estables mesmo en condicións extremas. Estes avances permiten “probar” as plataformas no ordenador antes de construírse fisicamente, observando como reaccionan ante diferentes condicións de mar e como interactúan cos seus amarres.

Ademais, a tese analiza sistemas con varios corpos flotantes conectados entre si, para estudar como a interacción entre plataformas afecta a estabilidade e seguridade global. Os resultados validáronse con datos experimentais e confirmaron que as simulacións reproducen fenómenos reais como a interacción onda-estrutura e a dinámica dos amarres.

Doutoramento industrial e transferencia ao sector

O carácter industrial do proxecto permite aplicar estas ferramentas a problemas reais de deseño offshore. A colaboración con CoreMarine reforza a transferencia ao sector, facilitando a optimización de plataformas flotantes e sistemas de ancoraxe ou fondeo para xerar enerxía mariña de maneira máis segura e eficiente.

O traballo foi dirixido polos investigadores do CITENI Vicente Díaz e Anne Gosset. O tribunal estivo presidido por Moustafa Abdel-Maksoud, profesor da Hamburg University of Technology; Lilla Koloszar, investigadora do Von Karman Institute for Fluid Dynamics (Bélxica), quen exerceu como vogal e o profesor da UDC Pablo Fariñas, quen foi o secretario. A defensa tivo lugar o luns 20 de xaneiro de 2026, na Sala de Defensas do Edificio de Batallóns, no campus de Esteiro.

Con esta tese, o CITENI consolida o seu papel na investigación aplicada en enxeñaría naval e enerxías renovables mariñas. O traballo amosa como a simulación numérica avanzada permite explorar e anticipar o comportamento de estruturas complexas en alta mar, abrindo o camiño a plataformas flotantes máis seguras, eficientes e sostibles, e ofrecendo solucións aplicables á industria offshore.

O investigador do CITENI da Universidade da Coruña (UDC), Tanausú Almeida, propón unha tese que mellora a simulación de plataformas flotantes para a xeración de enerxía renovable mariña.
O investigador do CITENI da Universidade da Coruña (UDC), Tanausú Almeida, propón unha tese que mellora a simulación de plataformas flotantes para a xeración de enerxía renovable mariña.