Ferrol, 27 de xuño de 2025.- Un amplo grupo de persoas usuarias de Teima Down e de nenos e de nenas con altas capacidades da Asociación Áurega testaron este venres a denominada “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol”, unha proposta de divulgación científica que pretende deseñar e implementar un percorrido accesible ao conxunto da sociedade, independentemente das súas capacidades, por algúns dos espazos ou lugares máis significativos da Universidade da Coruña (UDC).
Ao longo dos últimos 12 meses e botando man dos principios do Deseño Universal (DU), unha pequena parte da comunidade universitaria, representada por profesorado, persoal investigador e alumnado do Campus Industrial de Ferrol, estivo a traballar no deseño dunha ruta que lle permitise a aquelas persoas con algún tipo de discapacidade cognitiva coñecer, en igualdade de condicións, o traballo investigador e docente que se leva a cabo no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e na Facultade de Enfermaría e Podoloxía.
No marco deste proxecto, “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol”, co-financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, no marco da Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica Tecnolóxica e da Innovación, e baixo o liderado da profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares, elaboráronse unha serie de folletos promocionais con información previa e posterior á visita, uns paneis divulgativos e diversos xogos co obxectivo de facilitar a comprensión da actividade que se realiza nestes espazos de docencia e de investigación.
Validar todo este material e propoñer, de seren necesarias, melloras a esta ruta universal foi o labor encomendado a este grupo de persoas usuarias de Teima Down e aos nenos e nenas da Asociación Áurega. Ao longo da xornada, achegáronse ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía e visitaron o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, o Laboratorio de Plásticos e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Espertaron a súa curiosidade os QR dispoñibles nos paneis divulgativos que dan acceso a un vídeo subtitulado e signado para que a visita sexa tamén accesible a persoas con discapacidade auditiva. Para isto último, contouse coa colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF Ferrolterra).
A partires do mes de setembro, a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña (UDC), convidarán ao tecido asociativo e a todos os centros de ensino de Galicia a participar nesta “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol”, podendo solicitar xa día e hora para realizar a correspondente visita. A través deste convite, terán acceso a un mapa interactivo no que se poderá consultar toda a información relativa ao percorrido.
O Laboratorio de Plásticos, a experiencia piloto
Entre os meses de setembro e decembro de 2024, Lucía Toval, Nuria Silván, Ainhoa López, Lucía Varela e Bruno Rivero, estudantes dos últimos cursos do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), traballaron, en colaboración coas investigadoras do Grupo de Polímeros, Ana Ares, María José Abad e Silvia Lage, e as persoas usuarias de Teima Down Ferrol e da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia (ASPANAES), no deseño dun panel divulgativo e dun folleto informativo previo e outro posterior á visita ao Laboratorio de Plásticos, situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Logo desta experiencia piloto, ao longo deste 2025, o persoal docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol deseñou ese mesmo material para o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, da man dos investigadores Florian Michaud, Antonio Rodríguez, Emilio Sanjurjo e de Francisco González, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, en colaboración cos investigadores Anne Gosset, Marcos Lema e Leandro Rodríguez, e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos, baixo a supervisión do persoal do Grupo Integrado de Enxeñaría, Vicente Díaz, Lucía Santiago, Sara Ferreño, Alicia Munín e Marcos Míguez. No que atinxe á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, este traballo foi realizado polos profesores Pedro Gil e Emma R. Maseda.
A maiores, cómpre sinalar que para a elaboración de todo este material divulgativo, o profesorado, persoal investigador e alumnado implicado contou co asesoramento dos e das profesionais así como das persoas usuarias da Asociación de Síndrome de Down (Teima Down Ferrol), da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia (ASPANAES) e máis da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF Ferrolterra).

