Ferrol, 21 de xullo de 2025.- Elisa María Fraga Galdo, alumna do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, presentou, hai un par de semanas, o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) titulado “Recursos Humanos e Marca Ferrol: Un Estudo desde a Perspectiva do Deporte” e dirixido polos profesores da Universidade da Coruña (UDC), Joaquín Enríquez Díaz, Javier Orosa González e Begoña Álvarez García. Ao longo deste traballo, a estudante analiza a relación existente entre o deporte de base, o marketing territorial e a empregabilidade dos mozos e das mozas nados na cidade departamental.
Tal e como explica a propia Elisa María Fraga Galdo, a súa hipótese de partida buscaba contrastar empiricamente como o deporte de base ou, o que é o mesmo, toda esa práctica deportiva que se realiza a nivel amateur e sen fins de competición profesional, incide na imaxe de marca da cidade de Ferrol, no sentimento de pertenza que experimentan os seus habitantes e, por último, na formación de capital humano como elemento decisivo para destacar no mercado laboral.
Para acadar todo isto, a alumna da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC) optou, en primeiro lugar, por unha metodoloxía cualitativa baseada en entrevistas directas nas que se lles preguntaba a seis persoas consideradas “axentes clave” dentro do eido deportivo e social da cidade sobre o impacto do deporte na imaxe de marca de Ferrol, sobre o sentimento de pertenza que experimentan os veciños e veciñas, sobre a formación de capital humano, sobre as barreiras e as oportunidades existentes no deporte de base e, por último, sobre as estratexias que deberían seguir as distintas institucións para a súa promoción.
Finalmente, as persoas entrevistadas foron o concelleiro de Xuventude, Festas e Novas Tecnoloxías e Marca Ferrol, Arán López Martínez; o concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey Rey; o ex director deportivo do Racing de Ferrol, Carlos Mouríz; o presidente do Parrulo Ferrol Fútbol Sala, Julio Martínez; o presidente a Agrupación Veciñal Zona Rural de Ferrol, Manuel Sendón; e a educadora social en Teima Down Ferrol, Laura Veiga, quen brinda unha perspectiva inclusiva sobre a relación existente entre o deporte, o benestar e a integración social. Con todo, todas as persoas entrevistadas destacan o deporte de base como “eixo vertebrador” para o desenvolvemento socio-económico da cidade departamental.
A reputación da cidade, o sentimento de pertenza e a mellora na empregabilidade da rapazada
Para completar o seu estudo, Elisa María Fraga Galdo deseñou e difundiu un cuestionario a máis de 200 persoas, todas elas, homes e mulleres de máis de 18 anos censados e censadas no Concello de Ferrol. Entre os resultados obtidos neste estudo cuantitativo preliminar destaca o feito de que o 99% das persoas enquisadas pensa que os éxitos deportivos polos equipos locais, como poden ser o Racing de Ferrol, o Baxi Ferrol Basket ou o Parrulo Fútbol Sala, xeran un sentimento de orgullo e de pertenza entre os habitantes da cidade. Nesta liña, o 49% das persoas enquisadas recoñece que a súa percepción sobre Ferrol mellorou de xeito significativo logo destes éxitos a pesares de que o 71% di non ser socio ou socia de ningún club profesional.
No que atinxe ao deporte de base, o 96% das persoas enquisadas considera que esta práctica deportiva amateur contribúe a proxectar unha imaxe máis positiva de Ferrol cara o exterior. Do mesmo xeito, un 97% cree que investir no deporte de base pode atraer a máis turistas ou mellorar a súa reputación como unha cidade “activa e saudable”. A maiores, o 96% das persoas enquisadas cree que a experiencia da rapazada nun club de deporte de base, ben sexa como xogador ou xogadora, como adestrador ou adestradora ou mesmo como voluntario ou voluntaria, pode ser moi útil para o seu desenvolvemento profesional. Nesta mesma liña, o 97% concorda coa afirmación de que o deporte de base pode xerar emprego directo e indirecto a curto ou medio prazo na cidade.
A día de hoxe, esta alumna do Campus Industrial de Ferrol segue a traballar na parte do estudo cuantitativo, incrementando o tamaño da súa mostra para que esta sexa o máis representativa posible ao tempo mellora as taxas de resposta e reduce a porcentaxe de erro da mesma. Está a aumentar o número de homes que participan na enquisa para que cifra de participantes corresponda coa porcentaxe real que estes representan no último censo municipal.

como elemento potenciador da imaxe de marca de Ferrol nun Traballo de Fin de Grao (TFG) que obtivo a calificación de Matrícula de Honr