Unha alumna do Campus Industrial de Ferrol elixida, por segunda vez, para participar no Programa Sustainable Challenge

Ferrol, 25 de outubro de 2024.- Leady Marcela Calle Cristancho, alumna do Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), figura entre os 30 estudantes de España, Reino Unido e de Países Baixos seleccionados pola Asociación para o Fomento da Moda (MODA-FAD) para participar no Programa Sustainable Challenge 2024. A estudante do Campus Industrial de Ferrol xa participou neste reto no ano 2021 cando cursaba o grao en Xestión Industrial da Moda na Facultade de Humanidades e Documentación.

Do 14 ao 16 de novembro, no Disseny Hub de Barcelona, e no contexto dunha maratón de creación e baixo o lema “Entroido de costura insurrecta, unha práctica decolonial”, o alumnado seleccionado para participar nesta sexta edición do Programa Sustainable Challenge terá que traballar, de forma conxunta e divido en pequenos grupos, no deseño unha serie de prendas desafiando as normas impostas e promovendo a inclusión e a diversidade cultural. Todo este proceso estará supervisado por persoas de recoñecido prestixio no mundo da moda, tanto a nivel nacional como internacional.

O proxecto está comisariado por Roberte Piqueras, exdeseñador de moda, educador social e investigador en construción de espazos seguros educativos obrigatorios para a comunidade LGBTQ+ na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB); Lucía Piedra Galarraga, investigadora, comisaria independente, profesora colaboradora da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e da Universidad de las Artes de Ecuador (UArtes) e coordinadora do Grupo de Pensamentos, Prácticas e Activismo Afro/Negros; e máis por Frank Trobok, artista e director de artes escénicas performativas e de acción social.

O Programa Sustainable Challenge 2024 está organizado pola Asociación para o Fomento da Moda (MODA-FAD) en colaboración co Ajuntament de Barcelona, o Disseny Hub de Barcelona, a Generalitat de Catalunya, a Embaixada en España dos Países Baixos e o Festival Design Manchester. O reto está dirixido a alumnado de ciclos de formación profesional, grados e/ou másters de España, de Reino Unido e de Países Baixos vinculados co sector da moda.

Leady Marcela Calle Cristancho na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), centro no que estuda o Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable
Leady Marcela Calle Cristancho na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), centro no que estuda o Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable