Ferrol, 17 de novembro de 2023.- A alumna do cuarto curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Alba García Romero, vén de gañar un dos tres premios do concurso de startups JF64 Emprende que tivo lugar, este xoves 16 de novembro, nas instalacións do Work Café Santander da Coruña, no marco do congreso Modiña Summit que organiza o Laboratorio de Moda en Galicia (Modiña Lab), unha iniciativa pioneira na comunidade promovida polas empresas Galicia de Moda e Diesemm.
Nun tempo máximo de 10 minutos e sen ningún tipo de apoio visual, a estudante da Facultade de Humanidades e Documentación presentou e defendeu o seu proxecto, Izanti, unha marca de xoiería artesanal realizada con arxila polimérica. O xurado, integrado por persoal experto do mundo da empresa, da industria da moda e do sector da innovación, valorou a súa idea, a súa presentación e a posibilidade real de entrada deste produto no mercado a curto ou medio prazo. Ao igual que os outros dous proxectos gañadores, a alumna do Campus Industrial de Ferrol participará nunha das mesas redondas da próxima edición do congreso Modiña Summit e terá ao seu dispor un total de 10 sesións de mentoría da man dun grupo de profesionais vinculados ao Laboratorio de Moda en Galicia (Modiña Lab).
Nesta primeira edición do concurso de startups JF64 Emprende do Modiña Summit participaron un total de 11 proxectos de marca seleccionados entre máis de 50 propostas. No evento, que tivo lugar no Work Café Santander da Coruña, participaron tamén as alumnas do terceiro curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Lucía Sánchez Figueroa, Ailin Lecea Sánchez e Alejandra Valera Iglesias quen presentaron Savalé, unha marca de bolsos feitos a man con distintos tipos de teas e totalmente personalizables. A elas sumóuselles Yolanda Blanco Pereiro, estudante do cuarto curso desta titulación multilingüe da Universidade da Coruña, quen amosou ante o xurado do certame os seus avances en Suidade Deseño Galego, unha marca de bolsos elaborados de xeito artesanal botando man de láminas de madeira de samba e de coiro de vaca curtido de xeito vexetal.
Ecoalf imparte unha conferencia en liña no Campus Industrial de Ferrol
Como actividade complementaria ao congreso Modiña Summit, a Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este luns 20 de novembro, ás 12:00 horas, unha conferencia en liña impartida pola xefa de Innovación e Sustentabilidade de Ecoalf, Carolina Blázquez. A actividade está dirixida ao alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda e aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral interesado.