Unha alumna do Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, finalista na IV edición dos GreenWalk Adwards

Ferrol, 30 de xuño de 2025.- Alicia Lorenzo Fenollera (Vigo – 2002), alumna do Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), vén de ser seleccionada para participar nunha das tres finais da IV edición dos GreenWalk Adwards, un certame de moda sustentable organizado por NHood España e que terá lugar, nos próximos meses, no Centro Comercial Vialia de Vigo.

Xunto a esta alumna do Campus Industrial Ferrol, graduada en Deseño de Moda no Instituto Europeo di Design de Madrid, participarán outros 11 mozos e mozas, estudantes na Escuela de Diseño y Moda de Galicia – Goymar (A Coruña), na Fashion Art School FormArte (A Coruña), na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela), na Escuela de Arte y Superior de Diseño de Cádiz e na Facultade de Deseño da Universidade de Vigo (UVigo), en Pontevedra.

Todos eles e elas deberán pór a proba a súa creatividade presentando unha proposta de look sustentable. De feito, agora teñen ata o 14 de agosto para producir esa prenda e facer entrega do seu proxecto final. A IV edición dos GreenWalk Adwards terá, ademais do evento en Vigo, outras dúas finais, unha no Centro Comercial Zenia Boulevard de Alicante e outra no Centro Comercial Saint Boi de Barcelona. En total, segundo indican desde NHood España, nesta última convocatoria ten participado alumnado de máis de 60 escolas, centros e/ou universidades de todo o país.

O autor ou autora do look gañador poderá realizar, de xeito totalmente gratuíto, un curso de formación durante unha fin de semana na Escola Central Sain Martins da University of the Arts London. A maiores, e ao igual que na IV edición, tamén se fará entrega do Premio do Público, onde o voto popular decide cal é a súa proposta favorita e o seu creador ou creadora recibe un premio en metálico.

Alicia Lorenzo Fenollera, alumna do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), representará á Universidade da Coruña (UDC), na final da IV edición dos GreenWalk Awards que terá lugar no Centro Comercial Vialia de Vigo.
Alicia Lorenzo Fenollera, alumna do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), representará á Universidade da Coruña (UDC), na final da IV edición dos GreenWalk Awards que terá lugar no Centro Comercial Vialia de Vigo.