Unha delegación da Universidade da Coruña asiste á exposición Internacional do Indo-Pacífico en Sídney da man de Navantia Australia

Ferrol, 17 de novembro de 2023.-  A directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás; e o coordinador do Grupo Integrado de Enxeñaría, Richard Duro Fernández; asistiron ao evento de universidades no stand de Navantia Australia no marco da Exposición Internacional do Indo-Pacífico que tivo lugar a semana pasada en Sídney (Australia).

Esta visita permitiu materializar o primeiro convenio Erasmus de docencia entre Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade Tecnolóxica de Sídney (UTS) así como para reforzar os acordos xa existentes co Royal Melbourne Institute of Techonology (RMIT) con quen existen alianzas no eido dos programas de doutoramento. A maiores, a delegación do Campus de Ferrol fortaleceu os vínculos coa Universidade de Tasmania, con quen colabora grazas ao Máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Mariño, que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

O evento de universidades que tivo lugar no marco da Exposición Internacional do Indo-Pacífico contou coa presenza de diferentes representantes de Navantia e Navantia Australia, da Universidade Tecnolóxica de Sídney (UTS), do Instituto Marítimo de Tecnoloxías para o Fomento da Investigación e o Desenvolvemento de Tecnoloxías Dixitais para o Sector Marítimo (Marintec), do Royal Melbourne Institute of Technology (RMIT), do Australian Maritime College (AMC), da Universidade de Tasmania e o do Instituto Cervantes.

A Exposición Internacional do Indo-Pacífico é a principal exposición comercial de defensa marítima e naval na rexión, que conecta aos líderes de Australia e do resto do mundo en materia de defensa, industria, goberno, academia e tecnoloxía.

De esquerda a dereita, o vicedecano de Investigación e Innovación da Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxías da Información da Universidade Tecnolóxica de Sídney (UTS), Michael Blumenstein; o director executivo da consultora de enxeñaría UTS Rapido, Hervé Harvard; o coordinador do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, Richar Duro; a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás; e o director de Tecnoloxía de Navanta Australia, Jenaro Sánchez.