errol, 21 de novembro de 2023.- A graduada en Xestión Dixital de Información e Documentación, Patricia López Bellas, vén de gañar o primeiro premio do XI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño que promove a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. O seu traballo de fin de grao, titulado “Mulleres na prensa: análise de sexismo de novas sobre maltrato” e dirixido pola profesora da Facultade de Humanidades e Documentación, María Elena Alfaya Lamas, acadou o primeiro galardón na categoría de Artes e Humanidades
Tal e como explica López Bellas, no seu traballo de fin de grao analiza un total de 30 novas sobre violencia machista publicadas nas edicións dixitais dos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Botando man da observación documental, a ex-alumna do Campus Industrial de Ferrol realiza unha análise comparativa entre as dúas cabeceiras para poder identificar similitudes e diferenzas no que atinxe ao tratamento informativo da violencia de xénero. A maiores, centra o seu interese no contido desas 30 novas seleccionadas para tentar identificar outro tipo de patróns máis complexos como poden ser o ton e a actitude da nova cara as vítimas e as persoas agresoras, a presenza de estereotipos de xénero ou mesmo a inclusión de testemuños de persoas expertas nesta temática.
Entre as conclusións do seu traballo fin de grao, López Bellas salienta a necesidade de mellorar a formación dos e das profesionais que integran as redaccións dos dous xornais en cuestións de xénero e subliña que o uso de determinados datos e informacións tales como a nacionalidade, a idade ou a situación social, tanto da vítima como da persoa agresora, “son claros estereotipos de xénero que, en ocasións, poden desvirtuar o relato e atenuar certas responsabilidades”. Do mesmo xeito, a antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación incide en como os medios priorizan as agresións físicas fronte outros tipos de violencia como pode sen a psicolóxica, a económica ou a social “facendo referencia a agresións verbais, ameazas ou insultos, considerados todos eles como delitos menores.”
Traballos académicos con perspectiva de xénero
A Oficina para a Igualdade de Xénero, dependente da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, convocou o XI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño co obxectivo de incentivar a realización de traballos académicos que inclúan a perspectiva de xénero por parte do alumnado de grao e de máster.
O xurado seleccionou os dous mellores traballos de fin de grao e os dous mellores traballos fin de máster nas categorías de Artes e Humanidades, Ciencias e Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura. O primeiro premio de cada unha das categorías recibirá un cheque por valor de 800 euros e o seu correspondente diploma acreditativo. Pola súa banda, as persoas galardoadas co segundo premio recibirán 200 euros xunto co xa citado diploma acreditativo.
