Arranca o programa Máster Erasmus Mundus RESCO cun encontro na Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest

A Coruña, 23 de setembro de 2026.- A primeira promoción do programa de Máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO) acaba de iniciar oficialmente os seus estudos. Tras as primeiras semanas do semestre, case todo o estudantado se atopa xa en Budapest, se ben aínda falta algunha incorporación de estudantes que teñen un proceso de visado máis complexo. Co obxectivo de marcar este inicio do programa, a Budapest University of Technology and Economics (BME) acolleu o primeiro encontro presencial entre o estudantado e representantes das universidades académicas que forman parte do consorcio.

No marco desta xuntanza celebrouse o “Student Forum”, que permitiu ás persoas coordinadoras dar a benvida ao estudantado, así como coñecer ao equipo que está detrás do desenvolvemento deste programa europeo.

O Máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO) é unha titulación internacional de dous cursos académicos que ten como obxectivo formar a profesionais no deseño de infraestruturas sostibles para un futuro máis verde. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, nace ao abeiro dun consorcio integrado pola Universidade da Coruña (UDC), a Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría; a Universidade do Minho (UMinho), en Portugal, e as francesas INSA Rouen Normardie e Université Le Havre Normardie (ULHN).

O programa presenta un plan de mobilidade que levará ao estudantado a cursar o primeiro semestre en Hungría, o segundo en España e Portugal,  o terceiro en Francia, e o cuarto en calquera país de Europa (ou do mundo), para realizar as prácticas curriculares e o Traballo Final de Máster (TFM).

No que atinxe ao segundo semestre, o estudantado achegarase á construción sostible e a eficiencia enerxética na Universidade do Minho (UMinho), en Portugal, e na Universidade da Coruña (UDC), no Campus Industrial de Ferrol, da man do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.

Durante este primeiro encontro en Budapest as conversas abordaron as dificultades atopadas antes e despois da chegada á cidade, a información que podería facilitarse con maior antelación ou claridade e aquelas áreas nas que podería ser necesario reforzar o apoio ás futuras promocións.

O programa incluíu tamén diferentes actividades destinadas a coñecer as instalacións da BME. Entre elas, o estudantado participou nunha visita guiada á biblioteca, na que puido coñecer os seus servizos e acceder a espazos menos visibles, entre eles as instalacións subterráneas de almacenamento e a estrutura histórica de aceiro e vidro do edificio. Este último espazo resultou especialmente significativo para unha promoción cunha importante presenza de alumnado con formación no ámbito da enxeñaría civil.

A visita ao campus permitiu coñecer outras instalacións da universidade e tamén algúns dos seus equipamentos máis singulares, entre eles o reactor nuclear de investigación operativo da universidade húngara.

Paralelamente ás actividades co estudantado, os membros do consorcio celebraron reunións de traballo para analizar as cuestións formuladas durante o “Student Forum” e coordinar as preparacións e tarefas correspondentes aos próximos semestres. Un primeiro paso para a creación dunha comunidade presencial dentro do programa, poñendo en contacto aos integrantes da primeira promoción cos equipos académicos que os acompañarán ao longo da súa experiencia de estudos europeos conxuntos.

RESCO é unha titulación internacional de dous cursos académicos que ten como obxectivo formar a profesionais no deseño de infraestruturas sostibles para un futuro máis verde
RESCO é unha titulación internacional de dous cursos académicos que ten como obxectivo formar a profesionais no deseño de infraestruturas sostibles para un futuro máis verde