A Coruña, 23 de setembro de 2026.- A primeira promoción do programa de Máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO) acaba de iniciar oficialmente os seus estudos. Tras as primeiras semanas do semestre, case todo o estudantado se atopa xa en Budapest, se ben aínda falta algunha incorporación de estudantes que teñen un proceso de visado máis complexo. Co obxectivo de marcar este inicio do programa, a Budapest University of Technology and Economics (BME) acolleu o primeiro encontro presencial entre o estudantado e representantes das universidades académicas que forman parte do consorcio.
No marco desta xuntanza celebrouse o “Student Forum”, que permitiu ás persoas coordinadoras dar a benvida ao estudantado, así como coñecer ao equipo que está detrás do desenvolvemento deste programa europeo.
O Máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO) é unha titulación internacional de dous cursos académicos que ten como obxectivo formar a profesionais no deseño de infraestruturas sostibles para un futuro máis verde. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, nace ao abeiro dun consorcio integrado pola Universidade da Coruña (UDC), a Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría; a Universidade do Minho (UMinho), en Portugal, e as francesas INSA Rouen Normardie e Université Le Havre Normardie (ULHN).
O programa presenta un plan de mobilidade que levará ao estudantado a cursar o primeiro semestre en Hungría, o segundo en España e Portugal, o terceiro en Francia, e o cuarto en calquera país de Europa (ou do mundo), para realizar as prácticas curriculares e o Traballo Final de Máster (TFM).
No que atinxe ao segundo semestre, o estudantado achegarase á construción sostible e a eficiencia enerxética na Universidade do Minho (UMinho), en Portugal, e na Universidade da Coruña (UDC), no Campus Industrial de Ferrol, da man do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.
Durante este primeiro encontro en Budapest as conversas abordaron as dificultades atopadas antes e despois da chegada á cidade, a información que podería facilitarse con maior antelación ou claridade e aquelas áreas nas que podería ser necesario reforzar o apoio ás futuras promocións.
O programa incluíu tamén diferentes actividades destinadas a coñecer as instalacións da BME. Entre elas, o estudantado participou nunha visita guiada á biblioteca, na que puido coñecer os seus servizos e acceder a espazos menos visibles, entre eles as instalacións subterráneas de almacenamento e a estrutura histórica de aceiro e vidro do edificio. Este último espazo resultou especialmente significativo para unha promoción cunha importante presenza de alumnado con formación no ámbito da enxeñaría civil.
A visita ao campus permitiu coñecer outras instalacións da universidade e tamén algúns dos seus equipamentos máis singulares, entre eles o reactor nuclear de investigación operativo da universidade húngara.
Paralelamente ás actividades co estudantado, os membros do consorcio celebraron reunións de traballo para analizar as cuestións formuladas durante o “Student Forum” e coordinar as preparacións e tarefas correspondentes aos próximos semestres. Un primeiro paso para a creación dunha comunidade presencial dentro do programa, poñendo en contacto aos integrantes da primeira promoción cos equipos académicos que os acompañarán ao longo da súa experiencia de estudos europeos conxuntos.
