A Cátedra de Arqueoloxía Concello de Ferrol – UDC exhibe desde mañá os primeiros achados do Castro de Esmelle no Centro Cultural Torrente Ballester

Ferrol, 18 de xaneiro de 2024.- O Centro Cultural Torrente Ballester acolle mañá, venres 19 de xaneiro, ás 19:30 horas, o acto de inauguración da exposición temporal “Orixes II”, na que se amosarán os resultados e achados da primeira campaña de escavacións realizada no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, entre o 24 de xullo e o 4 de agosto de 2023, no marco da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que promoven, de xeito conxunto, o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña.

O profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, dirixiron unha campaña de escavacións na que se recuperaron 220 pezas e na que participaron un total de 14 persoas entre profesionais da arqueoloxía e alumnado en prácticas. Os resultados arqueolóxicos obtidos sinalan a existencia de, polo menos, tres fases de ocupación: dúas durante a Idade de Ferro e unha da época galaicorromana.

Tal e como salienta o director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e director científico desta primeira campaña de escavacións no Castro de Esmelle, Juan Luis Montero Fenollós, a maior parte do material recuperado é cerámico. Con todo, máis da metade destas pezas proceden dun único nivel, relacionado coas fases de ocupación da Idade de Ferro. “A cerámica é de orixe local e está maioritariamente feita a man, case sen decoración”, explica. Tamén se atoparon materiais de metal (ferro e bronce) así como líticos, entre os que destacan varios muíños e un fuso para o fiado que conta cun erro de fabricación.

A exposición “Orixes II” poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, ata o 17 de marzo no Centro Cultural Torrente Ballester. Co gallo da súa inauguración, a Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial ofrécelle ao alumnado dos centros de primaria de toda Galicia a posibilidade de visitar esta mostra e de coñecer o arqueódromo, un espazo educativo no que aprender de forma amena e rigorosa que é a arqueoloxía. A antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Lucía Brage Martínez, será a encargada da xestión dunhas visitas que darán comezo o vindeiro venres 26 de xaneiro.

O profesor da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, dirixiron a primeira campaña de escavacións realizada no Castro de Esmelle entre o 24 de xullo e o 4 de agosto de 2023. Imaxe: Eloy Taboada.
O profesor da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, dirixiron a primeira campaña de escavacións realizada no Castro de Esmelle entre o 24 de xullo e o 4 de agosto de 2023. Imaxe: Eloy Taboada.