Ferrol, 20 de xullo de 2026.- A Cátedra Epifanio Campo celebrou hoxe o acto de inauguración do “Curso de Xestor de Residuos: a actividade profesional verde”, no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol. O acto contou coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; o seu director xeral, Antonio Roncero e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo. O obxectivo fundamental desta formación, que terá lugar do 20 ao 24 de xullo na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e no Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), é introducir ao alumnado nos coñecementos e competencias básicas necesarias no ámbito da xestión de residuos industriais.
Ao igual que en edicións anteriores, o Campus Industrial de Ferrol acolle unha formación dirixida a todas aquelas persoas que queiran adquirir unha competencia profesional básica no eido da xestión dos residuos industriais, poñendo o foco no estudantado e nos titulados e tituladas universitarias, así como nos e nas profesionais do ámbito industrial que queiran iniciarse ou afondar nesta temática. Os contidos teñen un enfoque eminentemente práctico,tendo en conta tanto a perspectiva profesional do xestor ou xestora de residuos autorizado como a de calquera industria xeradora de residuos.
O curso será impartido, en boa medida, por profesionais do sector vinculados a SOGARISA entre os que figura o seu director xeral, Antonio Roncero, o seu xefe de Planificación e Sistemas, Santiago Roncero; o seu director comercial, Víctor Fernández, ou a súa directora de Laboratorio, Belén Filgueira. Por parte da Universidade da Coruña (UDC), impartirán docencia neste curso a catedrática de Química Analítica e integrante do grupo de investigación Química Analítica Aplicada (QANA), Soledad Muniategui; a integrante do grupo de investigación Dereito Público Global, Itziar Sobrino, e o profesor da Facultade de Economía e Empresa, Guillermo Iglesias.
Ao comezo da xornada, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, agradeceu a presencia de todos os asistentes e procedeu a dar comezo ao acto. Tras o éxito das edicións anteriores, a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, destacou un ano máis a diversidade dos perfís das matrículas de estudantes, titulados universitarios e profesionais procedentes de diversos ámbitos.
Da mesma maneira, destacou o alto nivel do claustro de profesores do curso, formado por profesionais altamente cualificados, cunha longa experiencia en distintos aspectos da xestión de residuos industriais. Cinco días de intensa formación e intercambio de experiencias na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol, nos que os alumnos tamén poderán gozar da visita ás instalacións do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, referente a nivel nacional no tratamento de residuos industriais perigosos.
Pola súa banda, Antonio Roncero, director xeral de Rodonita Medio Ambiente, explicou o obxectivo do curso e a aposta de Rodonita Medio Ambiente pola vangarda no tratamento de residuos industriais, a través de Sogarisa. Posteriormente, Jacobo Campo, conselleiro delegado do Grupo Rodonita, explicou a ampla traxectoria do Grupo no ámbito da Economía Circular e destacou como en pouco tempo a Cátedra Epifanio Campo converteuse nunha referencia fundamental da “economía verde”. Así mesmo, o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, reflexionou sobre a importancia da presenza de Sogarisa na localidade das Somozas. Por último, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, foi a encargada de inaugurar oficialmente o curso e valorou moi positivamente que a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol poida contar cunha Cátedra como a de Epifanio Campo.
O denominado “emprego verde” é unha das saídas profesionais con mellores perspectivas de futuro. As súas áreas de actuación son amplas e variadas, dentro das se que inclúe a figura do xestor ou xestora de residuos para levar a cabo de forma axeitada a recollida e transporte, almacenamento, tratamento, valorización e/ou eliminación dos materiais de refugallo que se producen nas actividades industriais.
Impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e polo Grupo Rodonita
No ano 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita poñen en marcha a Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e dirixida pola profesora Maripaz Mateo. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.
