A Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña clausura a primeira edición do seu curso formativo sobre a xestión de residuos industriais

A Coruña, 21 de xullo de 2023.- A Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña celebrou hoxe o acto de clausura do “Curso de Xestor de Residuos: a actividade profesional verde”, na Aula de Formación de Sogarisa. O acto contou coa presenza do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; o director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo. O obxectivo fundamental desta formación, que tivo lugar do 17 ao 21 de xullo na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e no Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), é introducir ao alumnado nos coñecementos e competencias básicas necesarias no ámbito da xestión de residuos industriais.

Ao comezo da xornada, a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, agradeceu a presenza do alcalde das Somozas no acto e procedeu á presentación do curso. Desta primeira edición destacou a diversidade dos perfís das 21 solicitudes de inscrición recibidas e as 13 matrículas de estudantes, titulados universitarios e profesionais procedentes de ámbitos como a química, a física, a Enxeñaría ou o dereito.

A directora da Cátedra destacou o alto nivel do claustro de profesores do curso, formado por profesionais altamente cualificados, cunha longa experiencia en distintos aspectos da xestión de residuos industriais. Como colofón aos catro días de intensa formación e intercambio de experiencias na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, o curso finalizou nesta quinta xornada coa visita ás instalacións do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, referente a nivel nacional no tratamento de residuos industriais perigosos.

Pola súa banda, Antonio Roncero, director xeral de Rodonita Medio Ambiente, explicou o obxectivo do curso e a aposta de Rodonita Medio Ambiente pola vangarda no tratamento de residuos industriais, a través de Sogarisa. Tamén destacou como desde a compañía está implantada unha cultura empresarial que aposta de forma clara pola vangarda no tratamento de residuos industriais e o desenvolvemento empresarial baixo os estándares máis esixentes en canto á satisfacción dos seus clientes, a seguridade nos seus procesos e a prevención da contaminación. “Necesítanse profesionais con competencias avanzadas no campo do medio ambiente e os residuos, e é necesario reconectar empresa e universidade para conseguilo”, sinalou Roncero.

Posteriormente, tivo lugar a intervención de Jacobo Campo, conselleiro delegado do Grupo Rodonita, que explicou a ampla traxectoria do Grupo Rodonita no ámbito da Economía Circular e destacou como en pouco tempo a Cátedra Epifanio Campo converteuse nunha referencia fundamental da “economía verde”. Campo subliñou a extraordinaria aceptación desta cátedra, algo que se reflicte na alta participación nas actividades propostas. Esta progresiva consolidación da Cátedra é algo reconfortante porque “unha economía avanzada como a galega, cun compoñente industrial fundamental, necesita resolver con proximidade e prontitude o problema dos residuos que se xeran”, destacou Campo.

Por último, Juan Alonso Tembrás, alcalde das Somozas, foi o encargado de clausurar oficialmente o curso e reflexionou sobre a importancia da Cátedra, “que leva o nome dun gran galego, dun gran empresario, dun gran emprendedor que entendeu o que era a economía circular cando aínda non se chamaba así”. Ademais, agradeceu a importante labor do Grupo Rodonita e destacou como As Somozas é unha síntese entre o tradicional e o moderno, apostando por unha industrialización respectuosa en beneficio da xente. “Esta planta onde nos atopamos permite que a industria galega sexa posible. Permite, polo tanto, que Galicia sexa máis próspera, e contribúe tamén a que os veciños de As Somozas vivan mellor”, afirmou Tembrás.

O sector industrial é un dos principais motores económicos dun país, pero tamén o que máis cantidade de residuos xera. Por este motivo, e debido á crecente preocupación pola preservación do medio ambiente, o tratamento e a xestión de residuos industriais converteuse nunha tarefa prioritaria para moitas empresas.

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos, así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA- CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non perigosos.

O acto contou coa presenza do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; o director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo.
O acto contou coa presenza do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; o director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo.