A Cátedra Epifanio Campo premiará as mellores propostas multimedia de estudantado da UDC centradas na divulgación da economía circular

  • Este órgano impulsado polo Grupo Rodonita, acaba de convocar o I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, dedicado ao fundador da empresa e un pioneiro no ámbito da xestión medioambiental
  • Os estudantes poderán presentarse en grupo ou en solitario e deberán presentar antes do 30 de setembro unha proposta de imaxe, infografía, ilustración, vídeo ou animación con enfoque didáctico, para optar a un premio de 1.200 euros ou os tres accésits de 300 euros

A Coruña, 30 de xuño de 2022.- A Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña vén de convocar o I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, en homenaxe ao fundador do Grupo Rodonita, impulsor desta cátedra, que foi ademais un pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental.

Esta nova iniciativa enmárcase no obxectivo fundamental da cátedra, constituída en 2019, que se centra no fomento da investigación, a formación e a divulgación no ámbito do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos. No caso deste premio, a finalidade é impulsar e recoñecer a participación do alumnado da Universidade da Coruña no ámbito da sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. Para iso, os estudantes deberán elaborar unha proposta centrada na imaxe e con enfoque didáctico, na que se divulguen aspectos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía e a xestión e valorización dos residuos industriais. Poderán presentarse pezas multimedia, tanto en fotografía como en infografía, ilustración, vídeo ou animación 2D e 3D, dos que se valorará fundamentalmente a calidade, a orixinalidade ou o enfoque da mensaxe que se quere transmitir.

Estes premios están dirixidos a estudantado que estea matriculado nalgún grao, máster ou programa de doutoramento da Universidade da Coruña no curso 2021-2022, e poderá concorrer de maneira individual ou colectiva. Cada estudante poderá presentar un máximo de dúas solicitudes, independentemente de que sexan individuais ou grupais.

O prazo de recepción das solicitudes estenderase ata o 30 de setembro, o que permitirá aos participantes aproveitar o período estival para ir preparando as súas propostas. A mellor valorada polo tribunal, que estará formado por representantes do Grupo Rodonita e da Cátedra Epifanio Campo, recibirá un premio dotado con 1.200 euros. Tamén se outorgarán tres accésits de 300 euros cada un.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓN

Bases do I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo

Acceso ao formulario de inscrición e envío da proposta multimedia 

Acceso ao formulario de inscrición e envío da segunda proposta multimedia 

 

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA- CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non-perigosos.